DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha ducia de saídas os participantes percorrerán zonas de Ourense, Pontevedra e Lugo

Preto de 400 quilómetros de rutas culturais

O programa inclúe unha ruta extraordinaria de tres días pola Vía da Prata

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/09/2014

Entre o 18 de outubro e o 3 de maio desenvolveranse as rutas culturais que un ano máis organiza o Servizo de Deportes co obxectivo de que os e as participantes descubran a pé algúns dos paraxes máis fermosos da xeografía galega. En total serán 12 as saídas que ao longo deste curso terán lugar nunha nova edición das rutas culturais que renova, case que por completo, a súa oferta respecto doutros anos. Este é o caso da saída que inaugura o calendario, a ruta de Monterrei que iniciará a temporada de andainas cun percorrido de 29 quilómetros, en dúas etapas circulares con saída e chegada a Albarellos e que conta como atractivo coa posibilidade de participar nunha cata de viños nas adegas da denominación de orixe Monterrei. Ademais, esta primeira ruta ten un claro sentido solidario dado que 6 euros da inscrición de cada participante na andaina serán destinados a Cruz Vermella de Ourense.

As seguintes catro citas terán Ourense como escenario, comezando cunha ruta que repite no programa: a Ourense termal, o sábado 8 de novembro cunha distancia de 23 quilómetros que van desde o campus a Outariz. Sucederán a este clásico catro novidades: a ruta Trasalba-Puzo de Lago- Castro de San Cibrán de Lás de 20 quilómetros; a ruta do magosto que cubrirá os 24 quilómetros que van de Xunqueira de Ambía a área recreativa de Loñoá e a ruta Olelas-Ruta do Pan- Os Castelos de 25 quilómetros. Todas estas andainas contan co atractivo de incluír visitas a monumentos artísticos como Santa María de Xunqueira de Ambía, o conxunto patrimonial de Os Castelos ou o pazo museo Otero Pedrayo.

De Ourense a Pontevedra cunha parada en Lugo

O 24 de xaneiro as rutas chegarán á provincia de Pontevedra cun percorrido de 21 quilómetros pola serra do Cando, Porta do Alén e Monte Seixo, para regresar a Ourense o 7 de febreiro, con outra novidade no programa, a ruta de Chandrexa de Queixa entre Montederramo e o encoro de Chandrexa cunha lonxitude de 24 quilómetros. Entre Quintela e Celanova discorre a chamada ruta da Raíña Santa, unha andaina de 26 quilómetros con visita guiada á capela mozárabe de Santo Miguel de Celanova.

Unha ruta pola península de O Grove, volverá levar á actividade á provincia de Pontevedra o 7 de marzo e xa o 21 do mesmo mes, as andainas chegarán a Lugo cunha ruta da Ribeira Sacra do Miño a Pombeiro de 25 quilómetros. De volta a Pontevedra, o 18 de abril e sobre unha distancia de 25 quilómetros, discorrerá a ruta do Morrazo entre A Fraga-Moaña-Cangas .

O colofón a un programa inzado de novidades será unha ruta de tres xornadas de duración entre Ourense e Santiago de Compostela na que os participantes cubrirán unha distancia de 110 quilómetros entre os días 1 ao 3 de maio.

Inscricións a partir do 1 de outubro

O 1 de outubro abrirase o prazo de inscrición para participar nesta actividade, na que os membros da comunidade universitaria terán prioridade sobre o público en xeral, tanto no referido as datas dei nscrición como aos prezos. Así a comunidade universitaria terá que abonar 10 euros por ruta, fronte aos 15 das persoas externas, ademais de ter a posibilidade de pagar 40 euros por cinco rutas e 85 euros por 11. No caso da ruta extraordinaria de tres días o prezo será de 120 euros.

As inscricións deberán realizarse na paxina web do Servizo de Deportes.