DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría de Alumnado prepara outra enquisa sobre a situación laboral dos egresados

Preto do 80% da cidadanía de Vigo amósase satisfeita coa Universidade

A valoración é máis positiva se os entrevistados teñen ou tiveron familiares estudando na institució

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 29/05/2012

O 76,4% dos cidadás vigueses valoran positivamente a Universidade de Vigo. Este é o resultado da enquisa de percepción sobre a Universidade que este martes presentaron o reitor, Salustiano Mato, e o valedor do Cidadán, Luis Espada. Entre os datos máis significativos destaca o feito de que as persoas entrevistadas que teñen ou tiveron familiares estudando na Universidade nos 22 anos de historia da mesma, “presentan unha satisfacción superior”, que chega ao 85,1%, segundo indica Espada Recarey.

Esta enquisa foi realizada cunha mostra de 1303 individuos no concello de Vigo entre o 22 de marzo e o 13 abril deste ano e recolle a súa opinión sobre a valoración da Universidade, a poboación que estudou ou estuda na mesma e sobre o grao de integración da institución na propia cidade. O reitor destacou esta “oportunidade inédita que nos ofrece o valedor do Cidadán para que poidamos saber como se nos percibe” e valorou moi positivamente os resultados destacando que “a relación dos enquisados coa Universidade fai que aumente a percepción positiva e ese é un factor importante”.

Atendendo aos resultados segundo as variables, son as mulleres, as persoas entre 46 e 60 anos e os veciños das zonas urbanas os máis satisfeitos coa institución académica. Atendendo á súa situación laboral, os estudantes e os traballadores non remunerados son os que teñen mellor imaxe da Universidade.

O outro punto de interese: a integración na cidade

Outro dos temas de especial interese, segundo explica Salustiano Mato, é “coñecer a valoración que os cidadáns fan na integración da Universidade na cidade”. Os resultados amosan un 59,5% de persoas que a consideran integrada ou moi integrada, mantendo un perfil de mellor valoración nas zonas urbanas, entre as mulleres, entre os 46 e 60 anos e, sobre todo, entre aqueles con parentes na Universidade. O reitor valora con optimismo este dato, inferior ao de valoración global, e cualifícao de positivo, aínda que recoñece que “temos moito que medrar, pero xa estamos máis preto do obxectivo”.

Este camiño pasa, segundo Mato, por “porque a xente coñeza o campus e sexamos quen de convertelo nun parque periurbano no que gozar da natureza e da arquitectura”. A oferta cultural e deportiva do campus é outro dos puntos de interese para atraer aos vigueses pero o outro vector, indicaba, “é chegar nós á cidade visualizándonos e interactuando”. Mato lembrou que a Universidade está pendente de concretar co Concello de Vigo unha sede na cidade e amosouse convencido de potenciar o campus histórico de Torrecedeira para aumentar a presenza na cidade. “Todas estas son apostas que xa temos en marchar pero o futuro pasa tamén por converter a sede do Campus do Mar na ETEA noutro fito como o foi a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, en iconas da cidade”.

A xuventude da institución tampouco permite que os datos de persoas da cidade que estudasen na Universidade sobrepasen o 60,5%. Mato incidiu no feito de que “falando só dos últimos 22 anos, hai moita xente que non tivo tempo material de cursar estudos universitarios ou non tiveron fillos con esa idade”.

O vindeiro curso, unha enquisa sobre a inserción laboral do alumnado

Luis Espada adiantou neste acto que co comezo do próximo curso presentaranse os resultados dun estudo sobre a situación dos egresados da Universidade de Vigo. Elaborada pola Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade e a Área de Emprego, trátase de “establecer un cordón umbilical dos titulados”, para o que xa contan con máis de 700 respostas a un cuestionario de 43 preguntas. A idea é coñecer a situación laboral dos ex-alumnos, pero tamén a valoración que fan dos seus estudos e dos coñecementos adquiridos, por iso decidiron centrar este primeiro estudo nos titulados en 2006, de xeito que “teñan certa perspectiva e capacidade de análise”. Salustiano Mato subliñou que se trata dunha iniciativa que se enmarca “nun plan estratéxico de seguimento e fidelización que nos permitirá non só coñecer a súa situación, senón tamén contar cunha base de datos que facilite o contacto continuado cos ex-alumnos”. Nos vindeiros anos tratarase de repetir esta análise cos egresados das diferentes promocións ata completar o mapa de titulados da Universidade.

As universidades galegas, eficientes e sustentables

Preguntado sobre sobre o Decreto-Lei 14/2012 de medidas urxentes de racionalización do gasto educativo, o reitor da Universidade amosouse convencido de que as universidade galegas “xa teñen feitos os deberes”. Segundo explicou, o decreto inclúe cinco paquetes de medidas, tres deles xa aplicados no SUG antes do Decreto e dun xeito “máis eficaz e eficiente, polo que non nos debería afectar”.

Amouse máis preocupado pola aplicación das outras dúas medidas, referidas á dedicación do profesorado e á suba das taxas. Mato apuntou que os tres reitores traballan coa Xunta de Galicia para minimizar o impacto destas medidas e agora farano directamente co ministro Wert no Consejo de Universidades extraordinario que se celebrará este venres.

Resultados da enquisa (4.64 Mb)