DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns presentouse un informe encargado por Xunta, Universidade e Fegamp á Rede Localis

Preto do 80% dos concellos galegos contan con portal de transparencia

As grandes cidades contan cun espazo propio, pero a medida que descende a poboación as porcentaxes b

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 13/03/2017

O 78% dos concellos galegos teñen portal de transparencia e o número de municipios que aínda carece deste tipo de ferramenta dixital ascende a 70, cifras que a xuízo da Rede Localis, integrada por docentes universitarios e profesionais que traballan no ámbito local e xestionada polo grupo de investigación Gen da Universidade de Vigo, “son netamente mellorables e permiten pór enriba da mesa os problemas e dificultades do ámbito local para implantar este tipo de actuacións”. Estas son as principais conclusións do informe sobre a situación dos portais de transparencia nos concellos galegos encargado pola Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo e a Federación Galega de Municipios e provinciais, Fegamp, á Rede Localis e que se presentou este luns na Delegación Territorial da Xunta en Vigo.

A presentación do informe contou coa participación do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o presidente da Fegamp, Alfredo García; o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, así como do profesor Alberto Vaquero e a secretaria de goberno Local do Concello de Vigo, Concepción Campos, integrantes ambos da Rede Localis. Tanto Rueda como García recoñeceron que a situación que debuxa o informe é mellor do que pensaban, polo que para ambos os resultados supoñen unha “grata sorpresa”, mentres que o reitor fixo fincapé no feito de que este informe é un exemplo máis da transferencia do coñecemento dos investigadores e investigadoras universitarias á sociedade e ás administracións.

O informe contén datos dos 313 concellos galegos

Segundo se detallou na presentación, o informe contén datos dos 313 concellos galegos e constitúe o punto de partida que permitirá trazar unha folla de ruta para mellorar e facilitar o labor dos concellos en materia de transparencia.

Entre outras conclusións, o estudo fai fincapé en que o tamaño dos concellos condiciona os resultados. Todas as grandes cidades contan cun portal de transparencia, pero a medida que descende o tamaño poboacional, as porcentaxes van caendo, ata o 73% dos concellos de 5.000 habitantes ou menos. Ademais, os concellos de maior tamaño optan por un portal de transparencia propio, 100% se a poboación é maior dos 50.000 habitantes, e 58% se se atopa entre os 20.001 e 50.000, mentres que os pequenos só optan no 34% dos casos por un portal propio.

O mesmo acontece coa actualización da información: canto máis pequeno é o concello, menos actualizada está. Así, os concellos de máis de 50.000 habitantes presentan información actualizada nun 86%, fronte ao 32% daqueles entre 5.001 a 20.000 habitantes e o 42% para aqueles con 5.000 habitantes ou menos.

Accións a desenvolver

Como consecuencia da análise da situación dos concellos galegos posta de manifesto neste informe os asistentes á presentación adiantaron que nos vindeiros meses se van adoptar unhas liñas de actuación conducentes a ofrecer ferramentas tecnolóxicas, xurídicas e procedimentais acaídas ás peculiaridades organizativas e de funcionamento do mapa local galego.

Neste sentido, o vicepresidente da Xunta adiantou que se vai levar a cabo un redeseño do espazo de transparencia que existe no portal de Eido Local, co obxectivo de mellorar e facilitar o seu uso logo do seu primeiro ano de andadura. Esta remodelación realizarase en colaboración cos concellos, aos que se lles pedirá suxestións para adecuar a páxina ás obrigas legais para o ámbito local; facilitar a publicación de información polos concellos; e facer unha páxina máis intuitiva e de fácil consulta.

Ademais, nos próximos meses tamén se van levar a cabo unha serie de iniciativas para dar a coñecer o portal, informar a concellos e cidadáns das súas potencialidades e seguir divulgando a transparencia en xeral, facendo fincapé no eido local. Para conseguilo, están previstas unhas xornadas na Escola Galega de Administración Pública; un congreso da Rede Localis, que se celebrará na cidade de Ourense do 20 ao 21 de xuño e no que se abordarán os retos das entidades locais ante a transparencia; e a elaboración dunha Guía de utilización do espazo de transparencia para facilitar o seu uso a toda a cidadanía.