DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A resolución acadada na mesa de negociación do PDI foi hoxe ratificada polo Consello de Goberno 

Preto de 800 investigadores da UVigo poderían beneficiarse do acordo sobre complementos retributivos do persoal laboral 

A actividade académica docente comezará o vindeiro curso o 5 de setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
DUVI 11/03/2022

83 profesores e profesoras axudantes doutores e, aproximadamente, 700 investigadores e investigadoras da UVigo son os potenciais beneficiarios dos complementos retributivos do persoal laboral, logo de acordo acadado na mesa de negociación do PDI e que hoxe foi ratificado polo Consello de Goberno na súa sesión ordinaria. O acordo ao que se chegou o pasado mes de novembro entre o equipo de goberno e as diferentes seccións sindicais da UVigo, con 13 votos a favor e 2 abstencións, recoñece o dereito a solicitar quinquenios e sexenios no caso do profesorado axudante doutor, e o recoñecemento de trienios ao persoal investigador, partir de xullo de 2022, aínda que podería adiantarse algún mes, en función da dispoñibilidade orzamentaria.

Este foi un dos acordos adoptados este venres na sesión ordinaria de Consello de Goberno na que, entre outras cuestións, tamén se aprobou o calendario académico para o vindeiro curso, que se desenvolverá entre o 5 de setembro de 2022 e o 9 de xuño de 2023. As e os integrantes do órgano de goberno tamén aprobaron hoxe a adhesión ao Plan Antifraude da UVigo, así como os criterios de avaliación da produción de investigación e transferencia para este ano e as declaracións de interese de modificación ou verificación de preto dunha trintena de títulos de grao, mestrado e doutoramento.

A sesión comezou co informe do reitor no que, logo de animar á participación e manifestar o seu optimismo sobre a posibilidade de que se presenten tres ou catro candidaturas ao proceso electoral do vindeiro 4 de maio “porque é bo que a comunidade universitaria teña opcións onde elixir”, Manuel Reigosa confirmou que “todo está ben atado para que teñamos en Vigo un laboratorio de comunicacións cuánticas”. Ademais dun posible aluguer dun dos edificios que Zona Franca ten en López Mora, o reitor avanzou que tamén se está a avaliar outros espazos máis preto do campus para a instalación do laboratorio, dotado economicamente con preto de oito millóns de euros procedentes de fondos europeos, e que organicamente estará situado en atlanTTic , como unha unidade singular, que serviría “para atraer talento e facer de Vigo un referente en comunicacións cuánticas”. En paralelo, lembrou Reigosa, que tamén se está a traballar no financiamento dunha fábrica de chips fotónicos, liderada por Zona Franca e empresas do sector.

En relación coas últimas xuntanzas da Crue e do Consejo de Universidades, Reigosa confirmou que sobre a modificación da Ley de la Ciencia houbo acordo nas cuestións básicas e os reitores están á espera das modificacións relativas aos contratos ligados ao desenvolvemento da investigación, cuestión na que solicitaron unha solución transitoria. O reitor tamén aproveitou o seu informe para trasladar aos membros do Consello a intención da UVigo de realizar unha nova convocatoria de axudas para alumnado refuxiado para que estudantado ucraíno que o desexe poida seguir os seus estudos na UVigo.

Complementos retributivos para preto de 800 investigadores da UVigo

“Ata o de agora”, explica Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, “o PDI laboral non podía solicitar complementos retributivos do persoal laboral. Por unha banda están os que entran no ámbito de aplicación do II Convenio colectivo do PDI das universidades galegas, caso do profesorado axudante doutor, no que non está recoñecido o dereito ao cobro de quinquenios e sexenios. E por outra parte, está o caso dos trienios dos investigadores, xa que parte deles tamén están no ámbito do convenio e facíase a interpretación de que non tiñan dereito a este  complemento” detalla Ramos, que lembra ademais que á outra parte dos investigadores, os contratados por obra e servizo, que están fóra do ámbito do convenio colectivo, tampouco se lles recoñecía ese dereito por analoxía. 

A cuestión foi trasladada, no mes de marzo de 2021, en primeiro lugar, á comisión de interpretación do Convenio colectivo no que están presentes as tres universidades galegas, e logo de varias reunións acordouse que o tema excedía do ámbito de interpretación do convenio, xa que se trataba de recoñecer novos dereitos, polo que cada universidade debería negociar en cadansúa mesa de PDI. “A partir do mes de xullo do 2021 estableceuse unha negociación a nivel da UVigo, que finalmente frutificou no acordo acadado en novembro”, explica Ramos, que recorda que esta cuestión xurdía periodicamente, a nivel de consultas, e sobre todo cando se producía a resolución dalgunha demanda xudicial relacionada con estes complementos. “Pero, que eu coñeza, e estiven a ambos lados da mesa de negociación, esta é a primeira vez que se aborda algo que se poida chamar negociación real sobre o tema”, explica o vicerreitor.

Segundo as táboas salariais da UVigo, e dado que se aprobou un complemento equivalente ao nivel 26, cada quinquenio e sexenio, que teñen a mesma remuneración, supoñen 113,74 euros brutos ao mes. No caso dos trienios, depende de se o investigador ou investigadora está contratado a tempo completo ou parcial, ascendendo no caso de tempo completo a 47,67 euros brutos ao mes. Acadar este acordo supón, segundo Manuel Ramos, “seguir avanzando na idea forza coa que nos presentamos e que o noso compromiso coa comunidade universitaria que nos elixiu nos esixe: ‘O importante son as persoas’. E nese senso creo que este acordo culmina un esforzo importante realizado e estendido a todos os colectivos que compoñen a nosa universidade”, valora a o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado. 

Calendario académico, Plan Antifraude e novas titulacións 

O Consello de Goberno acordou este mediodía que a actividade académica docente no curso 2022-2023 comezará na Universidade de Vigo o luns 5 de setembro de 2022 e rematará o venres 9 de xuño de 2023. O primeiro cuadrimestre prolongarase do 5 de setembro ao 27 de xaneiro e o segundo do 30 de xaneiro ao 9 de xuño de 2023. A actividade académica suspenderase en Nadal, entre o 21 de decembro e o 6 de xaneiro; polo Entroido, o 20 e o 21 de febreiro e en Semana Santa entre o 3 e o 7 de abril de 2023. A celebración de Santo Tomé de Aquino terá lugar o 27 de xaneiro de 2023.

Outros dos acordos acadados na sesión deste venres foi a adhesión ao Plan Antifraude da UVigo, que ten o obxectivo de establecer medidas para protexer os intereses financeiros la UE, establecendo un mecanismo de recuperación e resiliencia naqueles proxectos que xestione a institución e obteñan financiamento con cargo a este mecanismo. Segundo explicou a xerenta da UVigo, Raquel Souto, o plan aplicarase aos proxectos executados pola institución, financiados a cargo dos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no caso concreto das persoas con funcións de planificación, xestión, decisión control e pago de proxectos. Na súa intervención, a xerenta aludiu ás medidas de loita contra a fraude establecidas nos ámbitos da prevención, detección, corrección e persecución, así como ao protocolo para a xestión dos conflitos de interese, tanto declarados como non declarados.

Na sesión celebrada hoxe tamén se aprobaron as declaracións de interese de verificación dos novos mestrados en Prevención e Tratamento das Drogodependencias e Conductas Adictivas; Criminoloxía; Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica; Economía Circular; Fabricación Aditiva; Xestión Sostible da Auga; Biofabricación; Xestión da Experiencia do Cliente; E-government e Transformación Dixital; Innovación Educativa; Vehículos Autónomos; Internet das Cousas e Realidade Estendida e do doutoramento en Nanociencia e Biomedicina. Tamén se lle deu luz verde a modificacións nos graos en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación; Tradución e Interpretación; Ciencias da Actividade Física e o Deporte, Publicidade e Relacións Públicas; Turismo e Administración e Dirección de Empresas; aos mestrados en Avogacía; Enxeñaría de Telecomunicación; Ciberseguridade e Enxeñaría Informática e nos programas de doutoramento en Xeotecnoloxías Aplicadas á Construción, Enerxía e Industria; Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria e Sistemas Software Intelixentes e Adaptables. 

Neste punto, a docente e investigadora Soledad Torres deu lectura a un manifesto do Departamento de Teoría do Sinal e das Comunicacións, do que é a secretaria, no que se solicita máis transparencia na redacción e unha maior posta en valor das capacidades da UVigo en relación coa elaboración da proposta do Máster en Internet das Cousas, no que participará este departamento da EE de Telecomunicación da UVigo, xunto con outros departamentos da universidades de A Coruña e Santiago de Compostela.  O reitor lembrou na súa resposta a Soledad Torres que este é un mestrado que vén do estudo Galicia 2030 encargado polo Xunta de Galicia , “non son titulacións nin de centros, nin de departamentos, veñen de arriba”, dixo Reigosa, que amosou a súa disposición da seguir traballando para melloralo e facelo máis transparente. 

Criterios de avaliación da produción de investigación e transferencia 

Noutra orde de cousas, o Consello tamén aprobou por asentimento os criterios de avaliación da produción de investigación e transferencia para o ano 2022, nos que, respecto do ano anterior, segundo confirmou a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, unicamente se fixeron unhas aclaracións na redacción da produción de transferencia e se incluíron as María Zambrano. Así mesmo, aprobáronse as tarifas de servizos do Cintecx para este ano, sendo esta primeira vez que o centro contempla servizos para ofertar a outros membros da comunidade universitaria e a empresas. “Isto decidiuse a raíz de novas infraestruturas comúns en un futuro faremos como noutros centros e haberá que poñer un sistema de control como o LIMS ou similar, como xa teñen o Cacti, Cinbio e o CIM”, explica Belén Rubio.

Por outra banda, acordouse un incremento para actualizar ao IPC o prezo das residencias da UVigo para o próximo curso, unha suba que chega tras catro anos nos que non se aplicara.