DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na versión primaveral do Ciclo Sonora 11

A primavera chega á Universidade a base de son e ritmo

Colectivo Oruga e El columpio asesino encheron o Vidal Bolaño

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Jessica Fdez. DUVI 07/04/2011
Son, ritmo, xuventude e ambiente primaveral inundaron onte o Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria de Vigo. As actuacións dos grupos Colectivo Oruga e El columpio asesino inseridos no Ciclo Sonora 11, pecharon o apartado de música da programación cultural deseñada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo para o segundo cuadrimestre.

A xornada comezou coa música en directo do grupo vigués Colectivo Oruga que, coa interpretación vogal de Iago Martínez, fixo vibrar ao público coa súa aposta musical de bases electrónicas, guitarras e sintetizadores incluídos no seu traballo Too May Knobs (Matapadre, 2010).

Tras esta actuación subiron o escenario os cinco integrantes do grupo pamplonés El columpio Asesino. Esta banda inundou o auditorio cun estilo que vai dende o rock ao punk e onde priman as voces e o son sobre os arranxos electrónicos, tal e como demostran no seu último traballo Diamantes.

A selección dos grupos por parte da Universidade foi todo un acerto xa que ambos concertos tiveron unha grande aceptación entre un público que, de balde, puido gozar da música independente e non comercial da edición primaveral do Ciclo Sonora 11.

A próxima semana, teatro

Unha vez finalizada a aposta musical da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a programación cultural prosegue a vindeira semana coa Mostra Internacional de Teatro Universitario, MITEU, que ocupará o teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria de Vigo entre o 12 e o 28 de abril.