DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría organiza nove obradoiros orientados a complementar a formación das titulacións do ca

A primavera a creatividade altera

Entre as novidades destacan un seminario de monicreques, de 'coaching' e de igualdade na creación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 14/02/2012

Unha formación complementaria “cunha gran dose creativa”. A Vicerreitoría do campus de Pontevedra abre o prazo de matrícula para os obradoiros do segundo cuadrimestre, unha oferta variada “na que se traballará en cada seminario algún aspecto diferente da creatividade”, explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus. Membros da comunidade universitaria e cidadanía en xeral poderán escoller entre nove propostas nun programa multidisciplinar “que tenta dar cabida ás necesidades formativas de todo o mundo, pero cunha especial atención ás titulacións específicas que se imparten en Pontevedra”, engade.

Neste cuadrimestre a Vicerreitoría apostou por unha renovación parcial, coa introdución de cinco novos obradoiros “que se unen aos que xa están considerados como clásicos, que se levan impartindo dende 2006”, comenta Fernández Souto. Trátase de dar continuidade a unha oferta que todos os anos ten unha boa acollida mesturándoa “con iniciativas innovadoras que tentan espertar o interese do alumnado”.

Monicreques, coaching, e igualdade na creación

Un dos novos seminarios pensados para este segundo cuadrimestre vai dirixido especialmente ao alumnado de Ciencias da Educación. Trátase do curso Espazos, técnicas e recursos para contar contos no que se tentará, a través da confección de monicreques, “facer atractivo o ensino para os nenos e nenas, traballando dende a infancia que aprender pode ser divertido”, sinala Fernández Souto. Estes obradoiros de educación infantil “acostuman esgotar en poucos días as prazas dispoñibles”, xa que non soamente atraen a estudantes do campus, “senón tamén a mestres profesionais interesados en novas técnicas de aprendizaxe". O Coaching creativo é outra das novidades, un obradoiro no que o participante terá que elaborar un plan de acción baseado na análise persoal.

A Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo tamén estará presente neste programa formativo co patrocinio do curso Introdución a ferramentas de imaxe en GNULInux, ideado co obxectivo de romper estereotipos na creación artística e cultural multimedia e nas linguaxes de programación, “converténdose nunha alternativa bastante singular que une igualdade e creación”. O voluntariado volve a cobrar protagonismo na oferta do campus “tras un descanso no primeiro cuadrimestre” co curso Complementos de acción voluntaria, no que se reflexionará sobre a normativa e as ferramentas das actividades solidarias. Outra novidade “pensada para os estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Belas Artes” é o obradoiro Como xestionar os dereitos dos teus proxectos: a propiedade intelectual no ámbito audiovisual, que nace da necesidade “de concienciar ao alumnado de que no proceso audiovisual é tan importante a creación de contidos como a xestión e protección dos seus dereitos como autor”.

Os veteranos do programa

O resto dos seminarios son unha continuación da programación de anos anteriores polo “seu carácter diferente e específico”. Así, a oferta complétase co curso nivel 2 de djembé e cos obradoiros relacionados cos medios audiovisuais: Gravación e posprodución II; Efectos especiais para cine e televisión e Efectos especiais de maquillaxe, modelado e moldes, “que funcionan tan ben que se manteñen durante todo o ano”, apunta Fernández Souto.

Prazos e prezos

O período de matrícula para os obradoiros permanecerá aberto ata o vindeiro 24 de febreiro e o prezo roldará entre os 30 e os 40 euros para o público en xeral, cun desconto do 50% para os bolseiros da Universidade e do 25% para o resto da comunidade universitaria. Ademais, os participantes nos seminarios poderán obter 1 ou 2 créditos ECTS en función do número de horas do curso. Para máis información, pódese visitar a páxina web da vicerreitoría ou ben mandando un correo electrónico a campuspontevedra@uvigo.es.