DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abrangue unha serie de faladoiros, inseridos na programación da ESEE-Degrowth 2024

A Primavera do Decrecemento convida á cidadanía a debater sobre cambio climático, acceso á vivenda ou renda básica 

Terá lugar nas tardes dos xoves, en diferentes puntos da cidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Pontevedra 08/04/2024

Entre o 18 e o 21 de xuño, Pontevedra será sede do congreso internacional ESEE-Degrowth 2024, que, baixo a coordinación do grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab, da Universidade de Vigo, reunirá os principais expertos e expertas no eido do decrecemento e a economía ecolóxica. Co propósito de achegar á cidadanía algunhas das temáticas que se abordarán no congreso, a súa celebración vén precedida pola Primavera do Decrecemento, un conxunto de coloquios que terán lugar nas tardes dos xoves en diferentes emprazamentos da cidade. Desde a perspectiva do decrecemento e o poscrecemento, que pon o foco en como as sociedades poderían prosperar sen necesidade dun crecemento económico continúo, este ciclo afondará en cuestións como o cambio climático, o acceso á vivenda, a relación coas tecnoloxías ou a renda básica universal. 

Promovida polo Post-Growth Innovation Lab, co apoio da Universidade e do Concello de Pontevedra, o obxectivo desta programación é debater “sobre diferentes temas de interese social” e achegar á cidadanía “distintas perspectivas sobre o decrecemento”, como sinala Mario Pansera, director do grupo de investigación. Conformado por nove faladoiros e obradoiros con entrada libre, a Primavera do Decrecemento arranca este xoves 11 e continuará desenvolvéndose ata a semana previa á celebración da conferencia. 

Do acceso á vivenda á “desdixitalización” da ensinanza

Da man dos investigadores da USC da USC Rosa María Regueiro e Xosé Ramón Doldán, que analizarán o impacto de diferentes produtos cunha mesma función, o ciclo arranca este xoves na sede da Vicerreitoría do campus, para trasladarse á semana seguinte á cervexaría Nasa, onde “exporase o escenario de acceso á vivenda actual en Pontevedra”, nun faladoiro co antropólogo Juan Rodríguez Medela e do Sindicado de Inquilinas Vigo-Tui-Baixo Miño. O xoves 25, o Pazo de Mugartegui acollerá un coloquio sobre finanzas éticas, a cargo de Diego Domínguez, de Fiare Banca Ética, mentres que o 30 de abril terá lugar, na Casa das Campás, o cine-fórum ¿Traballar para vivir ou vivir para traballar? – Replantexar o traballo, centrado na traxectoria do teórico da economía política André Gorz.

Xa en maio, o xoves 9 desenvolverase o obradoiro Tecnoloxías conviviais, coas intervencións de Pansera e de integrantes da ONG Enxeñaría Sen Fronteiras, e sete días despois celebrarase un debate sobre a “desdixitalización” da ensinanza, da man de Ecoloxistas en Acción. O 23 de maio terá lugar unha mesa redonda que reunirá diferentes “colectivos en loita contra actividades industriais concretas de alto nivel ambiental”, como son Asociación Pola Defensa da Ría e das plataformas Mina Touro – O Pino Non e Eólicos, así non, co propósito de afondar no “falso dilema entre economía e ecoloxía”, como destacan desde o grupo de investigación . Á semana seguinte, o técnico de MeteoGalicia Pablo Casares falará na Casa das Campás dos “posibles escenarios climáticos que poderían darse en Galicia”, partindo das previsións do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático da ONU.

Peche no Museo de Pontevedra

Xa no mes de xuño, o Museo de Pontevedra acollerá o xoves 6 un debate dirixido a “poñer en diálogo dúas propostas económico-políticas fronte os límites planetarios”; a renda básica universal, da man o investigador da Universidade de Mondragón Julen Bollaín, e o traballo garantido, coa intervención de Eduardo Garzón, da Autónoma de Madrid. Esta programación péchase á semana seguinte cunha mesa redonda centrada en como “a existencia de límites ao crecemento e a necesidade de actuar con urxencia xeran un enorme rexeitamento en amplos segmentos da sociedade”. Este coloquio contará coas intervencións de Eva Saldaña, directora executiva de GreenPeace España; Luis González, excoordinador confederal de Ecologistas en Acción; Inés Entenza, do movemento Juventud por el Clima; Olga García, de Rebelión Científica, e Jorge Zhou, de Extinction Rebellion. 

Unha cita que prevé reunir preto de mil persoas

A Primavera do Decrecemento insírense nas actividades do congreso no que se agrupan a 15 Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e a décima Conferencia Internacional de Decrecemento. Coa previsión de reunir preto dun milleiro de persoas, a organización mantén nestas semanas aberta a súa inscrición, tanto para os investigadores e investigadoras, como para as persoas que acudan como oíntes. Así mesmo, ata o 30 de abril será posible tamén inscribirse para colaborar co evento como voluntarios e voluntarias, tarefa que será recoñecida con 1,3 créditos ECTS para o alumnado da UVigo.