DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense celebrarase do 12 ao 27 de abril

Unha primavera máis, moita Miteu para soñar

Seis aulas de teatro e danza da Universidade de Vigo actuarán nesta cita de referencia cultural

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 03/04/2013

Nunha primavera algo gris na que non deixa de chover e na que a crise e a corrupción seguen marcando a actualidade diaria, un pouco de ilusión non vén nada mal. Na cidade e no campus de Ourense esa ilusión chegará as vindeiras semanas da man da Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario, que do 12 ao 27 de abril celebrará a súa 18 edición. A pesar dos recortes económicos, a cita encherá os escenarios con 34 espectáculos, no que o teatro será o gran protagonista pero no que tamén haberá tempo para a música, a maxia, a danza, a formación e moito máis. A actuación de cinco aulas de teatro e unha de danza dos campus de Ourense e Vigo e a acollida nas salas universitarias de varias das representacións darán á Universidade de Vigo un papel destacado nesta cita de referencia cultural. Un ano máis a Miteu levanta o pano.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Ana Garrido, concelleira de Cultura; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; e Fernando Dacosta, director da mostra, foron os encargados de presentar este mércores no Teatro Principal de Ourense a nova edición da Miteu. “18 edicións xa falan por si mesmas do éxito desta mostra e do esforzo que as institucións que a apoiamos facemos cada ano por sacala adiante. Para nós é unha actividade moi especial porque é unha mostra de teatro universitario e porque permite visibilizar como desde a universidade tamén traballamos pola promoción da cultura”, explicou María Lameiras. Esta maioría de idade tamén foi destacada por Olga Mojón, que recoñeceu que, coma os adolescentes que cumpren eses anos, a mostra ten que facer un grande esforzo para saír adiante sen moito diñeiro. A pesar destas dificultades, comentou Ana Garrido, a Miteu volve e faino cunha “programación rica e variada”.

17 grupos teatrais universitarios

Segundo explicou Fernando Dacosta, en total celebraranse 34 espectáculos, maioritariamente teatrais aínda que tamén haberá espazo para a maxia, a música, a danza, as proxeccións, as exposicións e a formación, entre outros. Participarán compañías de oito países, como Tunisia, Marrocos, Arxentina, Brasil, Ecuador, Estados Unidos, Portugal e Italia, sendo especialmente destacada o papel do país luso. “Contaremos con 17 grupos universitarios, entre os que estarán os de todos os campus de Galicia”, dixo o director da Miteu durante a presentación. Nesta programación e dado que este ano o Día das Letras Galegas estará dedicado ao dramaturgo Roberto Vidal Volaño, Dacosta salientou que catro dos grupos representarán pezas deste autor galego. Entre os eventos non escénicos, o responsable da mostra destacou a realización de tres concertos, entres eles a presentación do último disco de Budiño, e un encontro de grupos universitarios de danza, que contará coa participación de 40 persoas, entre elas os membros da aula universitaria ourensá.

Programación desde e no campus

Coma cada ano, o campus de Ourense terá un papel destacado nesta Miteu. Por unha banda, as súas catro aulas de teatro e a de danza actuarán durante os días de celebración. Por outro lado, varias salas universitarias acollerán espectáculos desta mostra. Deste xeito, a Aula Universitaria de Teatro do campus de Ourense Rosaura será a encargada, o venres día 12, ás 19.00, de inaugurar a mostra co seu espectáculo Entre lusco e fusco nas rúas do centro da cidade. A Aula Cordelia representará no Teatro Principal a obra Vidal Bolaño 2013 e a Aula Maricastaña pechará a mostra o sábado 27 con Suicidio colectivo con encanto, tamén no Teatro Principal. Ademais, a Aula Universitaria de Teatro Infantil Geppetto representará no Auditorio Municipal Pés de cristal e a Aula Universitaria de Vigo ofrecerá ao público a súa obra Propietarios.

Polo que respecta ás actuacións no campus, a Sala Emilia Pardo Bazán acollerá o mércores 17 a actuación da compañía Pinchacarneiro Teatro da USC, que presentará Proxecto 45, e o día 25 a proxección do documental Positive generation, de Médicos sen Fronteiras. Nesta mesma sala, tamén se celebrará un obradoiro de investigación teatral. Por último, a capela do campus será o escenario da actuación da Aula Universitaria de Burgos, que representará UTA. Unidade de trastornos alimentarios.

Pola calidade desta programación e polo asequible dos prezos das entradas, que maioritariamente será de dous euros e un máximo de oito, os organizadores animan aos amantes do teatro e da cultura en xeral a achegarse á Miteu e vivir a ilusión do teatro e das historias que conta.