DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está impulsada por alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública

A primeira asociación de estudantes do campus amosa que hai vida máis aló das aulas

A principal función é a promoción da titulación entre as administracións públicas e nos centros de e

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 10/04/2012

Para moitos alumnos e alumnas do campus, o seu compromiso como estudantes vai máis aló “de acudir a unhas clases e de pasar uns exames”. Esta visión compártea Alberto Martínez Rodríguez, que fundou a primeira asociación de estudantes do campus de Pontevedra amosando “como o alumnado universitario pode achegar moito á sociedade”. Grazas ao apoio do profesor Álvaro Xosé López Mira, que destacou a actitude proactiva do seu estudantado, Martínez Rodríguez foi quen de crear a Asociación do Grao en Dirección e Xestión Pública, un organismo sen ánimo de lucro e de competencia autonómica que xa conta con 11 membros e que naceu coa vontade de dar a coñecer esta titulación “moza” en todos os ámbitos institucionais de Galicia.

Esta primeira asociación do campus está impulsada integramente polo alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública, que se dotou de personalidade xurídica para levar a cabo unha campaña de promoción das súas competencias profesionais, co fin de que a sociedade en xeral e as administracións en particular sexan conscientes da existencia deste tipo de estudos especializados no eido da xestión pública. “Unha das principais saídas laborais da nosa titulación é exercer no eido da administración, pero cando nos imos presentar a unha convocatoria de oposicións comprobamos que os nosos estudos non están recollidos nas bases dun concurso a un posto para o que estamos perfectamente capacitados”, exemplificou o presidente da asociación, cuestión que o motivou para deseñar unha estratexia de comunicación “que lle explique ao cidadán que estamos aquí, preparados para desenvolver unha función social”, engadiu.

Os principais interlocutores deste organismo estudantil serán as administracións públicas “ás que tentaremos achegarnos e ter un contacto máis directo para que nos coñezan e nos teñan en conta nas ofertas de emprego”, puntualizou Martínez Rodríguez. Ademais, os membros tamén levarán a cabo unha campaña de captación de novo alumnado nos centros de ensinanza media da provincia de Pontevedra “para que contemple o perfil multidisciplinar deste grao, xa que non só nos forma para traballar no sector público, senón tamén na empresa privada como intermediarios coa administración”, aclarou o presidente.

"Orgullo" como profesor

O profesor Álvaro Xosé López Mira, destacou durante a presentación pública da Asociación do Grao en Dirección e Xestión Pública “a enorme satisfacción e orgullo que produce que os teus alumnos e alumnas brillen con luz propia, devolvendo á sociedade parte da formación que están recibindo”. Engadiu ademais que estas iniciativas amosan o dinamismo duns estudantes “que xa con anterioridade loitaran pola adaptación en bloque da titulación a Boloña”. Nesta idea tamén afondou Juan Manuel Corbacho, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que lembrou que a comunidade universitaria fórmana "profesorado, PAS e alumnado e esta asociación é unha gran mostra diso”. Pola súa banda, a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, tamén sinalou a importancia deste organismo que axuda “a que a formación e a aprendizaxe se trasladen fóra das aulas, facendo cousas en conxunto a prol da sociedade”.

Nestes momentos a asociación atópase inmersa nunha campaña de captación de recursos financeiros para máis adiante poder levar a cabo iniciativas formativas, como conferencias, mesas redondas ou debates.