DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os cadetes tamén comezan con mal pé e perden ante o CRAT A Coruña

Primeira derrota do Campus Ourense de Rugby

Perderon 24 a 15 contra os santiagueses Gallaecius

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 29/11/2010
O Campus de Ourense Rugby Club tivo esta fin de semana o seu primeiro revés da tempada ao perder 24 a 15 contra o Gallaecius. O equipo ourensá viviu a súa primeira derrota desta tempada no campo de Nemenzo, en Santiago de Compostela, a onde se desprazou para xogar o domingo.

Os homes de Ernesto Barboza non puideron esta vez coa ordenada defensa de Gallaecius. Por parte do Campus Ourense Rugby Club, e segundo a acta do colexiado Maximino Fraga Fernández, ensaiaron dúas veces Daniel Vázquez Aldemunde e Jesús López Quintáns e por parte de Gallaecius Jaime Leiros dúas veces, o xaponés Suk Oh Hyun e Rubén Capeáns. Amosáronse dúas amarelas, unha para cada bando: no minuto 44 a Diegote por reiteración nas protestas e no 78 a Juan López Barcia por reiteracións en fóra de xogo.

En positivo, o Campus de Ourense saca a impresión de que os xogadores non habituais tamén poden tirar do equipo pola falta dos habituais Abraham, Pelos, Magui e Khalifa.

Debutan os cadetes

A derrota do equipo de Barboza non foi a única desta fin de semana e equipo cadete de Campus Ourense Rugby non puido conseguir a vitoria no seu debut en liga. O rival, o CRAT A Coruña, campión do ano pasado e favorito esta tempada, foi superior en todo o partido aos ourensáns. A maior experiencia dos rapaces coruñeses impúxose en todas as fases do xogo e o novo equipo ourensán non puido impor o seu xogo, chegando ao final do partido cun marcador de 8 - 50.

A vindeira xornada os rapaces viaxarán a Vigo para enfrontarse ao Universidade de Vigo.