DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sorte desigual nos encontros da fin de semana dos equipos de baloncesto e rugby do campus

Primeira derrota en liga do Campus Ourense de baloncesto

O Campus Ourense Rugby retoma a competición gañando ao Mareantes RC

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 24/01/2011
O Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior masculino perdeu o sábado 57-68 contra os pontevedreses Seis do Nadal Coia. Con esta derrota o equipo rompe unha excelente racha de 11 vitorias seguidas que o converteran en líder invicto da Liga da Federación Galega de Baloncesto na súa categoría. En positivo, a fin de semana o equipo feminino de baloncesto conseguiu a súa terceira vitoria consecutiva e o Campus Ourense Rugby retomou a competición gañando contra o Mareantes RC por un claro 36-10.

“A derrota por si soa non é preocupante, pois seguimos líderes da competición e as nosas opcións seguen dependendo de nós mesmos, pero debemos saber ler as consecuencias dun exceso de confianza” salienta Javier Pérez, adestrador do Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior masculino. Despois desta derrota, os xogadores, destaca Pérez, intentarán amosar no vindeiro partido contra La Rosaleda Obradoiro que esta derrota é só un revés esporádico no camiño para conseguir o obxectivo final de ascender de categoría.

Igual sorte tiveron os xogadores júnior de baloncesto. O Campus Ourense Blanco Amor xogou contra o Marín Peixegalego cun resultado final en contra de 62-82. Despois deste partido os xogadores que adestra Rubén Cortón acumulan dúas derrotas consecutivas pero mantéñense cuartos na súa competición, a pesares de ser un equipo que comezou a súa andaina este ano.

Vitorias en baloncesto feminino e rugby

Os que si tiveron bos resultados a fin de semana foron os equipos de baloncesto feminino e rugby do campus. O Universitario Campus Ourense de baloncesto feminino sénior continúa coa súa racha de vitorias despois de gañar este sábado contra o Canteiras por un 67-72. Con este marcador o equipo que dirixe Roberto Rapela afiánzase no cuarto posto na liga con 8 vitorias e 5 derrotas.

Tamén en positivo, o Campus Ourense Rugby gañou ao Mareantes RC por un 36-10. Despois dunha longa parada debido ao descanso de Nadal e á anulación de dous partidos, o Campus Ourense Rugby retomou a competición con bo sabor de boca e enfronta a segunda parte de liga con moi boas expectativas. Os ourensáns ocupan o primeiro posto da táboa con 31 puntos, empatados co Gallaecius aínda que teñen xogado un partido menos.