DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeira derrota da tempada para o equipo de xadrez

O equipo escolar acadou unha importante vitoria a domicilio

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 22/01/2008

O equipo de xadrez da Universidade de Vigo sufriu esta fin de semana a súa primeira derrota ante o Club Karpov de Pontevedra. O exceso de confianza e a pericia dos rivais, fixeron que os universitario perdesen un encontro que, a priori, non semellaba complicado. Ao remate dos seis taboleiros, o marcador recollía un resultado final de 4-2, para un Karpov que soubo aproveitarse das concesións do Universidade de Vigo sobre todo na segunda parte do enfrontamento.
O choque comezou bastante igualado e todo semellaba ir ben na primeira parte con lixeiras vantaxes en case todos os taboleiros. Pero os acertos dos pontevedreses, que souberon sacarlle partido á situación, fixeron que esta fose a primeira derrota ante un equipo da metade da táboa dende que se chegou á División de Honra hai tres anos. Así, o equipo cae ata o sexto posto da xeral, aínda que a tan só punto e medio do líder, o Marcote A.
Dos seis taboleiros unicamente gañaron o capitán, Pablo García, e Miguel Senlle, que está a realizar un brillante comezo sumando a súa segunda vitoria consecutiva. Deste xeito, Senlle evidencia que a súa xuventude, ten 15 anos, non é impedimento para defender o segundo taboleiro do primeiro equipo da Universidade da Vigo. As derrotas os outros catro xogadores poden implicar novas rotacións no equipo, sobre todo de cara ao vindeiro encontro. O sábado os vigueses recibirán na casa a visita do Casa da Xuventude A, actual pechacancelas da categoría e no que militan vellos coñecido do Universidade. O encontro, aberto ao público e de balde, terá lugar na aula de xadrez do campus de Vigo a partir das 17:00 horas.

Importante vitoria do equipo escolar

Fronte á xornada negativa para o primeiro equipo, o combinado escolar acadou esta fin de semana unha importante vitoria a domicilio ante o Torpedo Gallaecia. Cun contundente 0-4 o equipo da segunda división deixa de ocupar xa o lugar de novato nesta categoría e demostra que, pese a súa xuventude, ten calidade suficiente para estar no segundo posto da clasificación xeral, a medio punto do Breogán A, un dos rivais a bater.
Incorporouse ao equipo nesta rolda Xosé Luís Cebrián, o delegado que aporta un grao de experiencia, e fíxoo cunha clara vitoria con pezas negras no primeiro taboleiro. Igualmente venceron Daniel Vila, Brais Otero e Rubén Alonso.
Na vindeira xornada, o Universidade de Vigo - Xadrez Galego recibirá ao Fontecarmoa - A Marina, de Vilagarcía de Arousa, cuarto clasificado na xeral provisional.