DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira edición do certame Mundo Mineiro 2008 xa ten gañadores

Fátima Rodríguez, Jesús Casal e Constantino Fernández foron os premiados

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Romina Vázquez DUVI 01/07/2008

A maza, Os tempos son chegados e Con e sen entibado son os títulos das tres imaxes que, trala deliberación do xurado, resultaron premiadas na primeira edición do certame Mundo Mineiro 2008. Ante o numeroso público e autoridades asistentes, os galardoados foron obsequiados cunha figura de porcelana, e percibirán ademais a contía monetaria da que está dotado o concurso. Carlos Arias, tesoureiro da Sociedade Mineralóxica Galega, que foi o encargado de dar a coñecer os nomes dos seleccionados, felicitou a todos os que tomaron parte no certame pola “elevada calidade dos 101 traballos presentados”, segundo as súas verbas.
Mentres que o primeiro premio, dotado con 400€, foi parar a mans de Fátima Rodríguez, o segundo, de 200€, foi entregado por Jorge Massó, presidente da Asociación Galega de Canteiras, a Jesús Casal García, autor dunha fotografía das minas de Fontao “nos seu momento de esplendor, alá pola década dos sesenta”, tal como el mesmo afirmou. Por último, o terceiro posto foi para Constantino Fernández, que recibiu o trofeo da man de José Manuel Mariño, concelleiro de Urbanismo e Vivenda. Os premiados coincidiron en agradecer á organización o esforzo realizado para sacar adiante o certame, ao mesmo tempo que os animaron a continuar coa labor iniciada.
Entre os asistentes ao acto estaba Pedro Arias, director da ETSE de Minas; J. Manuel Romero, membro de Paisajes Españoles e Iván Gómez, profesor do Departamento de Enxeñería dos Recursos Naturais e Medio Ambiente.

Unha iniciativa da ETSE de Minas

Organizado pola Sociedade Mineralóxica Galega, xurdida do seo da ETSE de Minas da Universidade, este concurso ten como obxectivo “dar a coñecer a importancia da minería na vida diaria, xa que practicamente todo o que nos rodea deriva desta actividade”, tal como explica Martín Amoedo, presidente da SMG. A respecto disto, Diego Casal, secretario da SMG, apunta que “os enxeñeiros de minas temos a vantaxe de posuír a titulación con máis soleira do país, sempre fomos valiosos para a sociedade, pero ao mesmo tempo a actividade que realizamos é percibida como obsoleta”.
Dende a SMG estase a traballar en distintos proxectos relacionados coa titulación, tales como os Cadernos de Patrimonio Industrial e Mineiro, o lanzamento dunha revista e a organización dunha exposición para finais de ano.