DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de inscrición está aberto ata o día 7

A primeira edición da Olimpíada de Economía tentará achegar aos estudantes de secundaria esta disciplina

Os tres mellores terán a matrícula de balde para cursar Economía ou ADE nunha universidade galega

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 01/06/2009

De igual xeito que se ven facendo con eidos como bioloxía, química ou matemáticas, Galicia acollerá esta ano por primeira vez unha Olimpíada de Economía. Organizada polas universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, xunto coa Asociación Galega de Ensinantes de Economía en Secundaria, a I Olimpíada galega de Economía reunirá aos mellores estudantes de bacharelato desta materia que loitarán o vindeiro 26 de xuño polas tres primeiras prazas que dan acceso á Olimpíada Española.
Trátase dun concurso de carácter académico e educativo que, segundo explica o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Santiago Gómez Fraiz, “ten fundamentalmente tres obxectivos: incentivar o interese por cuestións de ámbito económico e empresarial, estimular o estudo desas cuestións e promocionar os estudos universitarios neste ámbito”. Deste xeito téntase reforzar tamén a relación entre as universidades e os profesores e alumnos de Economía do bacharelato, que serán os futuros estudantes universitarios.
Con todo, e pese a ser a primeira edición, as expectativas dos organizadores están a ser cumpridas. “Arrancamos moi mediatizados pola crise en todos os sentidos, por un lado porque contribúe a situar os temas económicos no centro do debate público pero, por outro, tamén dificulta atopar financiamento para esta iniciativa”, apunta Gómez Fraiz, pero destaca que, pese a todo, “a acollida nestes primeiros compases está sendo moi satisfactoria, cun volume de inscricións que supera as nosas previsións iniciais”.
No que se refire aos participantes, o decano anima á participación xa que é “unha grande oportunidade para achegarse ás materias estudadas no bacharelato con outros perspectiva, entrar en contacto co mundo universitario, reunirse con gran número de estudantes con intereses similares, competir e, por que non, tamén divertirse”.

Prazos e requisitos

A proba realizarase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela o vindeiro 26 de xuño e o prazo de inscrición estará aberto ata o 7 deste mes no propio centro. Poderán examinarse nesta olimpíada todos aqueles mozos que durante o curso 2008-2009 estean matriculados na materia Economía e Organización de Empresas, en segundo de bacharelato. Os que obteñan os tres mellores resultados tomarán parte na I Olimpíada Española de Economía que se celebrará entre o 1 e o 3 de xullo en Valencia. Ademais serán beneficiarios dunha bolsa que cubre as taxas de matrícula para cursar estudos de Economía ou Administración e Dirección de Empresas nunha das tres universidades galegas o vindeiro curso e terán pagos os gastos para asistir á fase nacional.