DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A finais de xaneiro comezarán a chegar os cativos para o período de adaptación

A primeira Escola Infantil da Universidade mergulla a nenos e nenas nunha contorna natural privilexiada

Conséguese mediante o emprego de grandes ventás e biombos acristalados

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 14/01/2011

Estanse ultimando os derradeiros detalles para a posta en marcha da primeira Escola Infantil Universitaria. Os cativos que acudan diariamente a este edificio poderán gozar dun espazo diáfano e aberto que lles vai permitir estar en contacto directo coa natureza desde dentro das aulas. Este foi un dos obxectivos principais que a arquitecta do proxecto, María José Fariña Busto, tivo en mente desde o principio do deseño. “Aproveitando o lugar á beira do río onde ía estar situado o edificio, sempre se pretendeu que desde o interior houbera unha visión cara o exterior, construíndo un espazo que se mestura perfectamente coa súa contorna”, indicou.

Deste xeito, á hora de deseñar e de escoller materiais sempre primou ese aproveitamento da paisaxe, das vistas a un lugar natural cheo de árbores e vexetación. Como ben apuntou a arquitecta, “estamos ante un edificio bastante transparente onde se xoga coa dualidade de ver por un lado a paisaxe do río e por outro, desde a zona do patio exterior, o que sería o resto do campus, xa que non deixa de ser unha Escola Infantil vinculada á Universidade”. Desta translucidez beneficiáronse principalmente as catro aulas construídas cara a zona do río e todas elas contan con grandes ventás que “funcionan case como miradoiros sobre a paisaxe”. Ao mesmo tempo, grazas a que as aulas están separadas do corredor principal por biombos acristalados, desde as mesmas os nenos e nenas poderán contemplar todo o tempo o patio exterior de xogos, ademais de que facilita o labor de vixilancia dos coidadores. Como consecuencia, en cada clase “dáse unha secuencia transversal na que se teñen vistas para toda a contorna da escola”, explicou María José Fariña.

Vista desde a distancia

A idea orixinal da arquitecta non distou do resultado final, xa que desde o principio se tivo claro a primacía na situación das aulas e un deseño que permitise contemplar a escola infantil desde a distancia, de aí “que a parte dianteira da mesma sexa un elemento estrutural máis elevado en altura”, comentou. No interior pódense atopar catro áreas ben diferenciadas: unha parte central co vestíbulo de acceso ás dependencias de administración e o espazo de usos múltiples; as aulas, distribuídas no espazo “máis privilexiado” que contan con catro módulos, un destinado para os infantes de 0 a 1 anos, outra para os de 1 a 2 anos e dous máis para os de 2 a 3 anos; unha zona interior, na que se atopa a área de servizos e, por último, o patio exterior, no que se conserva unha árbore arredor da cal se dispuxo céspede natural e artificial ademais dun soportal recuberto de madeira “para que os nenos e nenas poidan xogar no exterior aínda que faga mal tempo”, en palabras da autora do proxecto.

No deseño máis visual optouse por empregar cores vivos pois, como explicou a arquitecta, “nun espazo que está dedicado á infancia trátase de conseguir un pouco de alegría a través do colorido”. Así, xogando coas cores primarias, vermello, azul e amarelo e máis o verde, adxudicóuselle unha cor a cada unha das aulas e tamén aos vidros da fachada exterior. O inmoble, que conta con 626.85 metros cadrados pechados e cun aforo máximo de 61 infantes, conseguiu a cualificación enerxética tipo B, pois abastécese de enerxía solar e dunha caldeira de biomasa que alimenta a calefacción por chan radiante.

Apertura a finais de xaneiro

O persoal responsable da escola infantil está ultimando os últimos detalles organizativos e loxísticos para que a partir da semana que vén poidan manter encontros con todos os pais e nais dos cativos “para coñecer a fondo as condicións de cada un dos nenos”, explicou Antonia Blanco, vicerreitora do campus. Está previsto que para a última semana de xaneiro a Escola Infantil acolla xa aos nenos e nenas para que se vaian adaptando ás novas rutinas.