DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa apertura está prevista para xaneiro

A primeira Escola Infantil Universitaria empregará enerxías renovables

Os alumnos dos grao de Fisioterapia e Educación poderán realizarán prácticas neste centro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 15/09/2010

Cada vez está máis preto a data de apertura da Escola Infantil Universitaria do campus de Pontevedra. Este mércores a vicerreitora Antonia Blanco visitou as súas instalacións acompañada da xerenta adxunta do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Carmen García, e pola concelleira de Benestar Social e Educación, Margarita Castejón para coñecer o estado das obras e a distribución do edificio. Despois da visita, reuníronse na sala de xuntas da Alcaldía de Pontevedra para facer unha selección dos matriculados. A súa apertura,prevista para o 1 de xaneiro de 2011, traducirase na primeira escola infantil da Universidade de Vigo en abrir as súas portas, á espera das súas homólogas de Vigo e Ourense e farao empregando enerxías renovables.

A construción da Escola Infantil Universitaria ten como finalidade favorecer a conciliación da vida laboral e familiar da comunidade universitaria, e como apuntou a vicerreitora do campus “foi un servizo moi demandado e imos seguir traballando polas necesidades dos nosos traballadores; o próximo será a residencia universitaria”. Tratarase dun servizo que non só se limitará ao coidado dos nenos, senón “que pretende ir máis aló, pois a nosa idea é pór en marcha un proxecto pedagóxico nos primeiros anos de vida”, en palabras de Carmen García.

A Escola Infantil Universitaria catalogada como Edificio tipo A

O inmoble, con 626.85 metros cadrados pechados e 115.15 de soportal, está incluído dentro da categoría de edificios tipo A polo seu emprego de enerxías renovables, pois como engadiu Antonia Blanco, “o edificio cumpriu todos os requisitos e vai estar equipado cunha caldeira de biomasa e con paneis solares”.

A Escola Infantil Universitaria ofertou 61 prazas, das cales un 60% se reservan para as demandas da comunidade universitaria e un 40% para o resto da cidadanía pontevedresa. Por outra banda, o edificio conta cunha “localización inmellorable” dentro do campus, “tanto para os traballadores da Universidade como para a contorna do barrio do Lérez, unha zona de crecemento importante”, tal como concretou a concelleira Margarita Castejón. Ademais converterase “nun lugar idóneo” para que alumnos dos graos de Fisioterapia e Educación poidan desenvolver as súas prácticas pre-profesionais.

Despois da visita ás instalacións da Escola Infantil Universitaria, a Comisión Mixta, integrada polo Concello, a Universidade e Xunta, reuniuse na sala de xuntas do Concello de Pontevedra para realizar conxuntamente unha preselección das peticións de matrícula. O venres faranse públicas as listas provisionais de admitidos na páxina web do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.