DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do programa de prácticas Leonardo, inspirado na filosofía do Campus do Mar

A primeira oportunidade laboral pode estar en Europa

En total, 23 novos titulados terán ter a súa primeira experiencia profesional en empresas de 9 paíse

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 28/09/2011

Mellorar cualitativa e cuantitativamente a mobilidade das persoas durante a súa primeira experiencia laboral. Con esa idea naceu o programa Leonardo da Vinci, no que participan as universidades europeas mellor posicionadas e a través do que a Universidade de Vigo vén de acadar os recursos necesarios para que 23 novos titulados poidan realizar prácticas en distintas empresas de nove países de Europa. A proposta da institución viguesa, “inspirada no espírito do Campus do Mar, ten como obxectivo ofrecer as primeiras oportunidades profesionais cualificadas a mozos e mozas titulados tanto pola Universidade de Vigo como no resto das universidades do consorcio do campus de excelencia internacional”, recorda Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Relacións Internacionais.

A lista inicial de destinos inclúe Alemaña, Austria, Bélxica, Croacia, Italia, os Países Baixos, Polonia, Portugal e Reino Unido, aínda que se lle dedicará unha atención especial á eurorrexión formada por Galicia e o norte de Portugal. Participar neste programa beneficiará ao alumnado que acaba de rematar os seus estudos “cunha mellora dos seus coñecementos e habilidades no inicio da súa carreira profesional”, reforzará a súa competencia lingüística e potenciará a súa “independencia e iniciativa”.

A convocatoria, en setembro

Os recentemente titulados interesados en participar neste programa de mobilidade terán a oportunidade de propoñer eles mesmos a empresa, organismo ou institución na que desexan realizar o seu período de prácticas. A publicación da correspondente convocatoria de prazas farase no mes de setembro, momento a partir do cal os interesados terán que presentar a documentación pertinente e esperar á posterior selección de candidatos.

O programa está dirixido preferentemente a persoas graduadas nos 18 meses anteriores á data de solicitude da bolsa, sen experiencia laboral previa relacionada directamente coa titulación cursada e con dispoñibilidade para obter un emprego e saír de Galicia. No proceso de selección dos bolseiros terase en conta o nivel de idiomas e a motivación de cada candidato, ademais do equilibrio entre homes e mulleres e entre os distintos eidos do coñecemento, de xeito que as prazas procurarán distribuírse entre profesionais do sector tecnolóxico, xurídico-social, humanístico, científico e sanitario.