DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este sábado arrancan as rutas culturais do curso 2012/2013

Primeira parada: as Pozas de Melón e o Balneario de Arnoia

En total serán once excursións por diferentes puntos da xeografía galega

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 17/10/2012

As rutas culturais que cada curso organiza o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo botan a andar esta fin de semana cun percorrido por Pozas de Melón-Balneario de Arnoia. Arredor de 80 persoas, membros da comunidade universitaria e de fóra dela, participarán o sábado nesta primeira andaina. Con ela iníciase a programación de roteiros do curso 2012/2013, que percorrerán once enclaves da xeografía galega, ademais de incluír unha visita ao Camiño Portugués no seu paso pola cidade lusa de Chaves.

O itinerario, de dificultade media e 20 quilómetros de distancia, percorrerá Tourón, Melón, Penavaqueira, Prexigueiro, Francelos, Ribadavia, A Reza e a vila termal de Arnoia. “Nesta ruta partiremos dende o restaurado paseo das Pozas de Melón para, despois dunha pequena visita guiada ao seu mosteiro, descender todo o río Cerves ata a súa desembocadura no Miño, realizando 15 quilómetros aproximadamente. Neste punto, e grazas á colaboración das Termas do Prexigueiro, teremos a oportunidade de gozar dun reparador baño termal”, explica José García-Calvo Willy, coordinador das rutas.

Unha de once

Coma nas anteriores andainas, nesta ocasión participarán dous grupos, un procedente dos campus de Vigo e Pontevedra, e outro do campus de Ourense. Os inscritos, ademais de levar a súa comida e o equipo aconsellable para calquera andaina, como son unha mochila, un chuvasqueiro, un paraugas, apósitos, unha muda, unha navalla e unha cantimplora, deberán levar roupa de baño para poder facer uso das termas, incluíndo unha toalla, chancletas e bañador.

Tras este inicio as rutas continuarán ata o 11 de maio con propostas que levarán aos interesados a Arenteiro; a San Pedro de Rocas; ao Camiño Portugués; a Carboeiro-Fervenza do Toxa; aos Sete Camiños; ao CUVI; á Ribeira Sacra e ao Courel lucenses e ao Morrazo-Ría de Aldán, onde rematará a edición 2012/2013 destas andainas tamén co tradicional baño na praia. En todas elas, aseguran os organizadores, o bo ambiente e o goce da natureza e da cultura están garantidos.