DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Son 33 os traballos que se presentarán ao longo de dous días

A primeira promoción do Grao en Dirección e Xestión Pública defende os seus proxectos de fin de estudos

O coordinador da titulación, Celso Cancela, sinala este proceso de avaliación como pioneiro a nivel

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 03/06/2010

A primeira hora da mañá comezou no salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o goteo de alumnos e alumnas do último curso do Grao en Dirección e Xestión Pública. Amosaban certo nerviosismo polo reto que debían afrontar, a defensa do seu proxecto de fin de estudos ante un tribunal, o que para a maioría supón a súa primeira experiencia deste tipo. Ao longo de dous días subirán á palestra un total de 33 estudantes, para presentar outros tantos traballos cun trazo en común, a súa vinculación co ámbito público.
Son a primeira promoción dunha titulación que o profesor Celso Cancela, coordinador da mesma, define como pioneira a nivel estatal. “Dos títulos equivalentes en toda España fomos os únicos que implantamos os catro anos do grao en bloque e, polo tanto, somos tamén os primeiros que avaliamos proxectos de fin de grao”, salienta.
En canto ao contido das propostas, explica que só se esixiu o seu axuste a un modelo de estrutura formal e a súa relación co sector público. Para isto a cada alumno asignóuselle un titor, polo que Cancela indica que a variedade temática reflicte as áreas de especialización dos docentes, cun abano que vai dende a ciencia política á administrativa, a xurídica ou a organizativa. Fai fincapé en que “se procurou que fose un exercicio transversal, para botar man de todos os instrumentos abordados na carreira”. Subliña tamén o alto nivel dos estudantes, malia ser o seu primeiro proxecto e os condicionantes temporais, pois non puideron comezar a desenvolvelo ata febreiro.

O lobbying público en Galicia

José Manuel López foi o encargado de romper o xeo e abrir a quenda de presentacións, cun deseño para crear novas modalidades de xestión sociosanitaria, centrado na atención xerontolóxica.
Pouco despois interveu Paula Lamoso, que confesou que lle impoñía o feito de ter que enfrontarse a un tribunal, pero amosou seguridade pola experiencia das múltiples presentacións realizadas na clase. O public lobbying. O caso galego é o título do seu traballo, centrado nas actuacións de Galicia como grupo de presión ante as institucións que están fóra do seu ámbito competencial, particularmente a Unión Europea. “Interésame especialmente o proceso de rexionalización que está vivindo Europa, no que as rexións están actuando cada vez máis con iniciativa propia, deixando á marxe os Estados”, destaca ao respecto. Neste senso considera que “a acción como grupo de presión é o método máis satisfactorio para acadar obxectivos, algo que exerce fundamentalmente o poder executivo, coa cabeza visible no presidente da Xunta”.
Aínda que este grao non foi a súa primeira opción tras a selectividade, agora amosa a súa satisfacción por telo realizado e opina que, agás dificultades puntuais, a implantación de Boloña funcionou ben.

Novas relacións público-privadas

Pola súa parte, Beatriz Pérez, sinalou a dificultade de ter que defender en só vinte minutos un traballo realizado en catro meses. No seu caso abordou as relacións de colaboración público-privadas, materializadas a través de lazos contractuais. “Os medios de transporte son a área na que primeiro se manifestou esta relación, a sanitaria está agora en auxe e tamén a innovación, o turismo e a cultura”, puntualiza. A respecto disto, opina que “tal e como está a situación económica actual, a entrada de capital privado abre moitas portas a proxectos sanitarios que son necesarios en España”. Engade que, ao seu ver, “sen a sanidade privada sería imposible levar adiante determinadas infraestruturas e que ademais achega ámbitos de especialización que a pública non ten capacidade para desenvolver”.
Superado o reto de hoxe, sente que perdeu o medo para encetar outros proxectos e, coas habilidades adquiridas, non descarta unha dedicación futura á investigación.