DUVI

Diario da Universidade de Vigo

41 alumnos e alumnas da Escola Universitaria celebraron este venres o seu acto de graduación

A primeira promoción do Grao de Enfermaría soña xa coa bata branca

Na súa formación destacan as prácticas clínicas e a investigación

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 16/05/2014

O curso académico 2013/2014 inicia a súa recta final e como cada ano por estas datas comezan os actos de graduación dos seus alumnos e alumnas de último curso. Os máis madrugadores este curso no campus de Ourense foron este venres os estudantes da Escola Universitaria de Enfermaría. A primeira promoción do Grado de Enfermaría, formada por 41 persoas, celebrou con emoción e acompañada de amigos, familiares e membros da comunidade universitaria o peche da vida académica e o inicio doutra etapa persoal e profesional na que soñan con levar a ansiada bata branca.

A mellor das profesións

O acto de graduación da promoción 2010/2014 destes estudos, que tivo lugar no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico, contou coa participación de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus; José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades; Eloína Núñez, directora xerente da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; María Victoria Carral, directora de Procesos de Enfermaría da mesma xerencia, e Estrella Portela, directora da Escola Universitaria de Enfermaría. “Esta primeira promoción do Grao en Enfermería ten un especial valor. Mais o seu valor non reside só na súa paciencia de vivir o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, senón tamén no feito de teren contribuído, ás veces de xeito consciente e ás veces de xeito anónimo e sen decatarse, a consolidar os estudos do grao. Neste acto, a Universidade presenta ante a sociedade aos seus mellores profesionais, e aquí, a nosa función, acada pleno significado”, destacou Virxilio Rodríguez. Gabando o prestixio da titulación que acadaron, José Alberto Díez salientou aos presentes como van “a traballar co ben máis prezado, coa saúde”, desexándolles no futuro o maior dos éxitos.

“Destacaría desta promoción a responsabilidade que tivo durante estes catro cursos na realización das prácticas clínicas, a súa implicación cos pacientes e co persoal das unidades onde realizaron as rotacións e o estudo das materias, seminarios e traballo fin de grao, sen esquecer a realización de traballos de investigación que presentaron ás Xornadas de Enfermaría que se celebraron no campus ao longo destes catro anos”, recalcou Estrella Portela sobre esta primeira promoción de grao. Dando os parabéns aos estudantes por ter escollido “unha profesión tan imprescindible como é a da enfermaría”, Eloína Núñez animounos a seguir estudando pois “a formación vai ser imprescindible na vosa profesión, ao igual que os valores humanos”. “Escollestes a profesión máis fermosa que pode existir”, díxolles María Victoria Carral.

O futuro por diante

Un a un, os 41 estudantes do último curso de grao achegáronse, entre os aplausos dos asistentes, a recoller de mans das autoridades presentes as súas bandas e diplomas. Como en todos os actos de graduación, non faltaron os nervios, as anécdotas, a emoción e sobre todo o orgullo de ter sido capaces de sacar adiante catro anos de estudo e chegar este venres ao seu acto de graduación. Nos seus discursos, os representantes dos estudantes fixeron balance dos bos momentos vividos e amosaron o seu desexo de atopar no futuro inmediato a oportunidade de amosar o aprendido neste tempo e o seu potencial. Pola súa banda, os docentes padriños de promoción tiveron palabras de ánimo para os novos egresados e de recoñecemento polo esforzo feito. Na mente de todos estaba que a banda que hoxe conseguiron se transforme pronto nunha bata branca de persoal de enfermaría que lles permita facer o que mellor saben xa, coidar das persoas.