DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O conselleiro de educación actuou de padriño dos estudantes

A primeira promoción do máster en Comercio Internacional, preparada para guiar a internacionalización das empresas galegas

Alfonso Paz Andrade apostou pola conquista de novos mercados

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 12/06/2009

A primeira promoción do máster en Comercio Internacional xa está preparada para traballar a prol das empresas viguesas e galegas e buscar na internacionalización unha vía natural de crecemento e de estratexia para superar a actual conxuntura económica. Os vinte e seis graduados, que xa contan cun título adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior, recibiron este venres os seus diplomas nun acto que contou coa presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area; o director da EU de Estudos Empresariais, Patricio Sánchez; o coordinador do máster, Antonio Vaamonde; e o presidente do consello executivo da World Fishing Exhibition.
Andrade compartiu cos alumnos "o mellor que podo ofrecerlles: a miña experiencia profesional de corenta anos como testemuña activa das mudanzas estratéxicas no sector pesqueiro”. Nese tempo, Paz Andrade viu como “moitas empresas veñen, froito da globalización, a aproveitarse do noso mercado e nós temos que prepararnos para conquistar outros”. Un labor no que terán un papel primordial o grupo de estudantes que xa teñen nas súas mans o título de máster. O presidente do consello executivo da WFE tamén aproveitou para recordar a “importancia da industria pesqueira como portadora de alimentos”, onde pode xogar un papel esencial en resolver “un dos principais problemas da humanidade como é a fame” e como “factor social”.

O froito dun traballo conxunto

Despois da intervención de Paz Andrade o director do centro, Patricio Sánchez, tomou a palabra para trasladar os seus parabéns aos alumnos e as súas familias, agradecer o apoio das entidades patrocinadoras do máster como o Igape, Caixa Galicia e a Deputación provincial, e facer referencia “ a tres decisións tomadas no último ano e medio”. O acto académico de graduación marca un punto e seguido e por iso Sánchez comezou por recordar a Xunta de Escola na que se decidiu “por unanimidade” apostar polo máster e continuou falando da elección de Vaamonde como coordinador do título a quen definiu como “un auténtico traballador e peso de todas as accións”. Finalmente Sánchez sinalou á solicitude que a escola fixo para solicitar “a transformación do título en grao adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior” e felicitou o feito de que “a semana pasada o Consello de Goberno da Universidade, por instrución da Xunta, retomase esta petición”.
Pola súa parte Vaamonde recordou o marco no que se van inserir profesionalmente o novos titulados onde “máis de mil empresas exportan os seus produtos e moitas máis desexan facelo”. Unha eiva que agora van paliar estes técnicos en comercio internacional, “cun título recoñecido en toda a Unión Europea”. O coordinador, sen embargo, tamén lles recordou aos alumnos a “responsabilidade de ser a primeira promoción” porque detrás do seu traballo “está o prestixio da Universidade” e confesoulles que o seu “éxito fará rentable todo o esforzo docente”.
Un recoñecemento, en forma de aplauso, a ese esforzo foi o que pediu o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, na súa quenda de intervención. Lembrou “ importancia da formación continuada” para a que pediu que os estudantes contasen sempre coa Universidade de Vigo que, segundo indicou, “posúe títulos conectados directamente coas demandas da contorna”, como o propio mestrado.

Boa inversión a curto prazo

Antes de que o conselleiro de Educación e o alcalde da cidade pechasen o acto, Roi Gómez falou en representación de todos os estudantes do máster, que se amosaron confiados en “ter un bo currículo, ser bos e estar capacitados para competir en Galicia, España e Europa”. Recolleu o testigo Jesús Vázquez, que actuou como padriño da promoción e comentou que en poucos anos o centro celebrará o seu centenario, tempo no que “participou da vida desta fermosa cidade e prometedora área industrial, na que xogou un papel fundamental”. Vázquez apuntou que a inversión de tempo e esforzo durante este ano “será boa a curto prazo” e amosou o apoio da Consellería ao centro.
Do mesmo xeito, o alcalde vigués lembrou á antiga escola de Comercio, orixe do centro, e apuntou que nela “e na antiga escola de Peritos foi onde se ancorou a Universidade de Vigo”. Precisamente por iso, Caballero sinalou que “cando chega a modernidade e os novos sistemas este centro ten que estar en Boloña, porque demostrou que é capaz de formar profesionais demandados noutras universidades e nas empresas”. Para os novos titulados, o alcalde tivo palabras alentadoras porque posúen “un título que os diferenciará doutros profesionais” e comentou a idoneidade da súa elección nunha cidade como Vigo que, segundo dixo “cando naceu o termo globalización, xa levaba 25 anos nela, porque naceu nela”.
Despois das intervencións chegou o momento no que os estudantes pasaron a recoller as súas bandas, diplomas e agasallos, que poñen fin a un ano de estudo, esforzo e adquisición de coñecementos. Como broche de ouro, o coro universitario interpretou dous temas e mailo Gaudeamus Igitur.