DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor do CUD Carlos Ulloa defendeu a súa investigación na Escola Naval Militar

A primeira tese da historia do Centro Universitario da Defensa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 21/02/2014
Duvi | Pontevedra
Ao profesor Carlos Ulloa Sande correspóndelle a honra de ser o autor da primeira tese de doutoramento á que se dá defensa no Centro Universitario da Defensa (CUD), da Escola Naval Militar de Marín. Este enxeñeiro industrial e docente neste centro adscrito á Universidade de Vigo vén de obter un sobresaínte cum laude por unha investigación titulada Desenvolvemento dun modelo estacionario e transitorio dun sistema de micro-CHP baseado no motor Striling, que levou a cabo no marco do programa de doutoramento en Enxeñería Térmica da Universidade.

O catedrático José Luis Miguel Tabarés, actual delegado da Universidade no CUD, e o profesor Jacobo Porteiro dirixiron a investigación que Ulloa Sande presentou no centro no que se forma no grao en Enxeñería Mecánica aos futuros oficiais da Armada ante un tribunal que lle outorgou a máxima cualificación a súa investigación. Este órgano estaba composto por Joaquín Zueco, catedrático da Universidade Politécnica de Cartagena; María Belén Folgueiras, profesora da Universidade de Oviedo; e polo profesor da Universidade de Vigo Jorge Morán.

Numeroso público na presentación

Na defensa da que foi a primeira tese de doutoramento na historia do CUD, Ulloa Sande estivo ademais acompañado polo comandante-director da Escola Naval, o capitán de navío Juan Luis Sobrino Pérez-Crespo, e polo director do CUD, José María Pousada Carballo, así como polos seus compañeiros nas tarefas de docencia neste centro adscrito á Universidade e no grupo de Investigación en Tecnoloxía Enerxética da Escola de Enxeñería Industrial, que tamén asistiron a un acto académico no que así mesmo estiveron presentes numerosos oficiais da Escola Naval.