DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeira toma de contacto dos investigadores co proxecto arquitectónico do Cinbio

O Centro de Investigación Biomédica contará con 5900 metros cadrados de laboratorios, seminarios e z

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 21/05/2009

A biomedicina é unha das liñas preferentes de investigación na Universidade de Vigo, tanto pola capacidade de I+D+i da institución neste eido como polo potencial deste campo e as súas posibles aplicacións. A aposta da Universidade por este camiño concrétase no proxecto do futuro Centro de Investigación Biomédica que vén de ser presentado aos membros da comunidade universitaria interesados nos seus espazos. Os representantes dos grupos que traballan na investigación biomédica coñeceron da man do arquitecto responsable do deseño, Alfonso Penela, e da vicerreitora de Investigación, Elsa Vázquez, o proxecto arquitectónico do novo edificio, que se situará anexo a Citexvi e sobre o novo Cacti  nas inmediacións do Edificio de Ciencias Experimentais.
Segundo explicou a vicerreitora “serán 5900 metros cadrados que se destinarán a laboratorios, seminarios, despachos e diversas zonas comúns”. Os grupos do campo da biomedicina que o desexen poderán solicitar, unha vez que se constitúa a comisión de investigación, o espazo que precisen no novo centro “e os laboratorios que se lles outorguen responderán ás súas propias necesidades de traballo”, apuntou Penela. Deste xeito e unha vez rematado o proxecto arquitectónico, comezarase a traballar no executivo e no reparto dos ocos”.

Un deseño en peite

Segundo apuntou o arquitecto na presentación do Cinbio “o edificio ten o reto de combinar dous mundos aparentemente opostos, a confidencialidade do mundo interno de cada área de investigación e a necesaria fricción e entendemento que fai posible que o casual exista”. Unha boa mostra disto é que o Centro de Investigación Biomédica centralizará así todas as tarefas dos investigadores e estará intercomunicado con Citexvi, o Animalario e as facultades de Bioloxía, Química e Ciencias do Mar. Pero a comunicación interna virá dada polo feito de que a primeira planta do novo edificio acollerá ao novo Cacti, que se atopa nunha fase máis avanzada. Sobre el proxéctase do Cinbio cun deseño de peite que permitirá que o edificio creza no futuro no caso de necesitalo. Para Penela, “se un centro de investigación está ben e rende o nivel ao que se agarda que renda, co tempo ten que medrar e transformarse e non podemos deseñalo partindo de constrinxilo e limitalo”. Deste xeito o novo centro terá un módulo central do que sairán once púas que serán os módulos nos que se situarán laboratorios, despachos e demais instalacións. Con tres plantas de altura en cada un dos brazos, a baixa pertence ao Cacti, a segunda será unha planta técnica e na terceira localizaranse laboratorios, seminarios, despachos e demais zonas comúns. As características técnicas do centro, consultadas durante o deseño cos propios investigadores, responderán ás necesidades de traballo dos grupos en temas como espazo, equipamento tecnolóxico, seguridade, material ou infraestruturas como o acceso a gases ou temperatura, etc.
Atendendo ao deseño externo, o edificio estará rodeado de xardíns e zonas verdes de ocio e cada módulo terá unha cuberta externa, “unha segunda pel”, segundo o arquitecto, separada da parede, que será previsiblemente de madeira e actuará a modo de parasol para o control da calor aproveitando ao máximo a inercia térmica.
Este novo centro virá completar a oferta de I+D+i da Universidade nos vindeiros anos centrándose nun sector que nas sociedades avanzadas representa unha porcentaxe próxima ao 20% do PIB. Paralelamente, Vigo acollerá en poucos anos o maior centro hospitalario de Galicia e aglutinará a maior concentración de instalacións biosanitarias de referencia.