DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Luis Sobrino e Salustiano Mato intercambiaron ideas e proxectos sobre o CUD

Primeira visita institucional ao campus de Vigo do novo comandante director da Escola Naval de Marín

Mato fixo fincapé en como o Centro Universitario da Defensa abriu portas a novas formas de colaborac

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 22/11/2012

O comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Juan Luis Sobrino, visitou este xoves o campus de Vigo, en compañía do director do Centro Universitario da Defensa, José Mª Pousada. Tras chegar ao cargo o pasado mes de xullo en substitución de Marcial Gamboa, que durante os tres últimos anos ocupou a dirección da Academia, Juan Luis Sobrino mantivo un cordial encontro co reitor, Salustiano Mato, con quen intercambio opinións sobre o proceso de implantación do Grao de Enxeñaría Mecánica, do que este ano se imparte xa o 3º curso e no que están matriculados 80 alumnos e alumnas.

“Somos conscientes de que imos remando xuntos, uns en estribor e outros en babor, pero o barco sempre tirando para diante”, subliñou tras o encontro o director da Escola Naval, que apuntou o interese da reunión para estreitar as relacións “si cabe aínda máis” entre ambas institucións, polo que se comprometeron a seguir facendo todo o posible para que “isto sexa un éxito como o foi ata o de agora”, subliñou Sobrino.

Posgraos e investigación, novas formas de colaboración

Dende a Universidade o reitor subliñou que se está a seguir moi de preto toda a evolución da titulación e, en breve, “haberá que empezar xa a pensar en clave de graduados e nuns actos de graduación nos que haberá que combinar a liturxia militar coa académica, algo que, sen dúbida, será moi innovador”. Na mesma liña, Salustiano Mato fixo tamén fincapé en como o Centro Universitario da Defensa abriu portas a novas formas de colaboración entre a Universidade e a Escola que avanzan xa cara ao mundo do posgrao e da investigación, “un campo no que xa se están a levar a cabo algúns traballos conxuntos e que lle darán máis potencia a ambas institucións”.

Pola súa banda, o director da escola resaltou tamén a “perfecta coordinación, colaboración e complicidade” entre o director do CUD e o da Escola Naval, asegurando que “sen dúbida”, coa incorporación destes estudos “demos un enorme paso adiante”, ao que engadiu que non en van “un titulado da armada conte cun título de grao é un avance extraordinario”.