DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gañou 33 a 29 despois de pechar o primeiro tempo con 14 puntos de desvantaxe

Primeira vitoria do Blusens Universidade tras unha épica remontada

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 05/11/2012

Primeira e ansiada vitoria do Blusens Universidade de Vigo. Con moito sufrimento e rearmando a dianteira para poder frear a sangría provocada polo Cajasol Ciencia, o equipo vigués tivo que loitar ata o último minuto para poder superar unha diferenza de 14 puntos en contra no marcador e rematar o partido 33 a 29. Unha remontada épica para lucirse ante os 500 afeccionados que se deron cita no campo de As Lagoas Marcosende para presenciar a quinta xornada de liga da División de Honra.

Os sevillanos chegaban a Vigo cun só partido gañado e rozando a zona vermella, polo que despregaron toda a súa defensa para levar os puntos para casa. O Blusens Universidade dominou os primeiros minutos de partido, pero o Cajasol Ciencia logo conseguiu igualar as condicións aproveitando os erros do rival e o seu poderío físico. Tras catro ensaios, os equipos chegaban ao descanso cun 10 a 24 no marcador.

Debut de Carlos Blanco

Xa no segundo tempo, Carlos Blanco converteuse nun dos piares básicos da remontada. Tras meses concentrado coa selección nacional de rugby a sete para participar nas Series Mundiais, o hispano-australiano debutou por todo o alto liderando ataque e defensa e obrigando ao Cajasol a cometer indisciplinas que lle custaron catro tarxetas amarelas. A partir de aí o dominio e control dos vigueses foi clave ata o remate do partido, momento en que Mauro González asistido por Wyper anotou un cuarto ensaio que lle daba ao Blusens Universidade de Vigo o bonus que precisaba para xogar con tranquilidade. O resultado final, un 33 a 29 cunha remontada de vertixe que da aos vigueses moral para enfrontar os seguintes partidos.

A mala noticia da xornada chegou da man de Cameron Wyper, que fracturou un dedo e estará varias semanas de baixa á espera de saber se necesitará pasar polo quirófano.