DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A estudante de Comunicación Audiovisual Alejandra Sotelo é unha das produtoras de ‘Clases de lo soci

O primeiro achegamento a todo o traballo que se esconde tralas cámaras

A segunda tempada desta 'webserie' estrearase este venres no IES Sánchez Cantón de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 07/10/2014

Antes sequera de acender por primeira vez as cámaras, calquera produción audiovisual ten tras de si semanas de traballo que non se ven reflectidas en pantalla, pero que abranguen aspectos tan cruciais como reunir o financiamento necesario, definir as localizacións da rodaxe ou concretar o aloxamento e o transporte de persoas e equipos. En todos estes campos viviu “unha experiencia moi valiosa” a estudante de Comunicación Audiovisual Alejandra Sotelo, que xunto á titulada Lucía Porto exerceu como directora de produción da segunda tempada da webserie Clases de lo social, que este venres se estrea en Pontevedra.

“A verdade é que tiña traballado noutras producións antes, pero noutros postos, e esta foi a primeira vez que me enfrontei a aspectos como conseguir patrocinadores, polo que foi unha experiencia bastante diferente e moi valiosa, aínda que tamén é un traballo bastante duro”, recoñece Sotelo, que tres semanas antes de que comezase, no mes de maio, a rodaxe da segunda tempada desta webserie dirixida polo pontevedrés Pablo Cacheda xa se puxo mans á obra xunto con Lucía Porto. “O que maior traballo nos supuxo foi intentar conseguir os cartos necesarios para a rodar percorrendo negocios de todo tipo, aos que lles ofrecíamos colaborar coa serie”, a cambio de figurar como patrocinadores e colaboradores nos créditos ou de rodar algunha escena no seu local ou cos seus produtos. E aínda que, como recoñece esta estudante, houbo que petar en moitas portas, finalmente o seu labor de produción fixo posible os dez días de rodaxe, en Pontevedra e Santiago, nos que se deu forma aos sete capítulos que conforman a segunda tempada desta comedia.

Mais o traballo de Sotelo e Porto como directoras de produción xa viña de máis atrás, como relata. “O director ía pasándonos os guións e, antes de comezar co financiamento, facíamos unha lista das localizacións que precisabamos para, a partires de aí, comezar a buscar”, explica esta alumna da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Non obstante, o seu papel non remataba no momento de poñerse a rodar, todo o contrario. Neses días, en coordinación co director e co xefe de produción, David Mosquera, “tivemos que estar ao tanto do cátering, dos desprazamentos, do transporte de material, de chegar de primeiras á seguinte localización na que se fose a rodar, de moito papeleo... Non paramos”, recoñece Sotelo.

Así pois, o seu balance final vén marcado polo “valor dunha experiencia que che obriga a abrirte á xente, a aprender de como saír das diferentes situacións que van xurdindo, que é algo totalmente diferente a estar sentada diante dun ordenador editando un vídeo”, recoñece esta estudante. Por iso, pese a que as súas preferencias no mundo do audiovisual pasan máis polos campos da realización e da edición, Sotelo recoñece tamén que, se xurdise outra oportunidade, “volvería a dicir que si”, como fixo no seu día cando a que fora a súa compañeira de estudos Lucía Porto lle convidou a asumir con ela os traballos de produción desta webserie.

Este venres, presentan o resultado final

A estrea da segunda tempada de Clases de lo social terá lugar este venres 10 de outubro ás 20.30 horas no IES Sánchez Cantón de Pontevedra, unha das localizacións principais dunha webserie que protagonizan Santi Romay, Sabela Arán e que contou tamén coa participación de actores como Carlos Blanco, Avelino González, Xulio Abonjo, Monti Castiñeiras ou David Amor. Segundo explica Porto, este acto servirá para amosar por primeira vez varios dos capítulos que, a partires do día 11 se irán subindo á rede cada dez días.

A serie que Pablo Cacheda ideou a raíz da súa curtametraxe Unhas clases do social a tempo, xira en torno “a unha materia na que se ensina como comportarse con descoñecidos, cos teus sogros ou cos amigos da túa parella”, explica Porto desta comedia centrada en “situacións cotiás”. Nesa mesma liña incide tamén Sotelo, que destaca o enfoque que dá esta webserie a “cousas que nos pasan a todos algunha vez e que normalmente non se adoitan reflectir deste xeito, e por iso trátase dunha comedia na que te ves moi identificado”.