DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Concluíu o I Programa de formación de novo profesorado

Un primeiro chanzo no longo camiño da formación

Organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/10/2008

A entrega de diplomas puxo o punto e final ao Programa de formación de novo profesorado que ao longo de 25 sesións reuniu a case unha trintena de profesores e investigadores con escasa ou nula experiencia docente previa de ensino.
A experiencia desenvolvida por primeira vez na Universidade de Vigo permitiu aos asistentes “achegarnos a un enfoque distinto da idea que tiñamos da docencia”, asegura Ana María Cao, unha das participantes no programa que afirma que “a experiencia foi moi boa e respondeu ás expectativas”.
Inmersión na Universidade de Vigo, experiencias educativas no novo marco do EEES e actividades, métodos e recursos didácticos, foron as tres áreas nas que se distribuíron as 25 charlas que ao longo de 50 horas recibiron os asistentes ao programa. “Foron moitas horas”, sinalou o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela “o que obrigou a un importante esforzo por parte dos participantes e tamén da Vicerreitoría que apostou por primeira vez na Universidade de Vigo por unha proposta destas características”. Precisamente foi o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, xunto ao director da Área de Innovación Educativa, Luis Anido, o encargado de entregar os diplomas aos asistentes ao programa.

Estratexias para mellorar a docencia

Ademais de dar a coñecer o contexto institucional docente, investigador e de xestión da Universidade de Vigo, o programa afondou no desenvolvemento de actitudes e comportamentos positivos cara á docencia universitaria, a planificación do ensino no ámbito universitario e o coñecemento de metodoloxías e recursos didácticos para a docencia, incluídas as novas tecnoloxías. Coñecementos que algúns dos participantes no curso, como Laura Valencia, teñen claro que coa súa escasa experiencia docente “son de utilidade para mellorar a docencia, que non consiste só en falar ou atraer a atención, se non que a xente hai que motivala e darlles ideas”.
Entre os contidos abordados no programa ao longo dos meses, Laura Valencia destacou “os coñecementos adquiridos sobre o Espazo Europeo de Educación Superior, que agora me permiten ter unha idea máis clara do que vai supoñer a adaptación á Boloña”. Pola súa banda Ana María Cao sinala “a utilidade en xeral de todo o curso, polo que estou moi satisfeita”.
Unha vez finalizado o programa, parte dos asistentes non descartan, atendendo á invitación do vicerreitor, acceder ao Programa de formación permanente de profesorado, unha forma, segundo Pedro Membiela de “que sigades progresando na vosa formación”. Xunto aos programas de formación a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa organiza ciclos de conferencias nas que diferentes expertos abordan distintas cuestións da docencia universitaria.