DUVI

Diario da Universidade de Vigo

19 estudantes de 4º, 5º e 6º de Medicina inician as súas prácticas de pregrao no CHUO

O primeiro curso académico do Complexo Hospitalario bota a andar

Son os primeiros alumnos trala transformación do centro en hospital universitario

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 05/10/2011
Cada novo curso que comeza é un motivo de celebración e satisfacción para un centro. No caso do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense CHUO o é aínda máis. Este mércores inaugurou o seu primeiro curso académico tras conseguir este ano a súa transformación en hospital universitario. 19 estudantes de 4º, 5º e 6º de Medicina incorporáronse esta semana aos servizos do centro para realizar prácticas de pregrao e completar a súa formación universitaria. Un fito na evolución CHUO que lle permite avanzar na súa vocación científica e docente.

O curso académico 2011/2012 do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense foi inaugurado por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Eloína Núñez, xerente xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; Jesús García, presidente da Comisión de Docencia do CHUO, e Ovidio Fernández, director científico da Fundación Cabaleiro Goás. Xunto a eles estiveron os responsables dos distintos servizos médicos do centro e estudantes deste primeiro curso académico.

“Hai uns poucos meses falabamos de conseguir a cualificación do complexo como hospital universitario e hoxe, feitos os deberes por todos, estamos aquí para inaugurar o primeiro curso académico”, salientou con satisfacción o reitor da Universidade de Vigo durante a súa intervención. Salustiano Mato quixo destacar a vontade de colaboración e o traballo realizado polas institucións e persoas implicadas no proceso que culmina coa chegada destes primeiros alumnos. “A universidade está agora no corazón deste hospital”, apuntou.

Pensando no futuro

Pola súa banda, Eloína Núñez destacou o esforzo levado a cabo por todo o equipo clínico e docente, en colaboración coa Comisión de Docencia, para elaborar un Plan de Docente adaptado á nova realidade académica do centro, o que permitirá que os novos estudantes se formen de xeito regrado nos servizos de Cardioloxía, Cirurxía Vascular, Pneumoloxía, Oncoloxía, Obstetricia-Xinecoloxía, Otorrinolaringoloxía, Psiquiatría, Uroloxía, Anatomía Patolóxica, Cirurxía Xeral, Dixestivo, Hematoloxía, Microbioloxía, Medicina Interna, Oftalmoloxía, Pediatría, Medicina Intensiva, Neurociruxía, Dermatoloxía, Traumatoloxía e Radioloxía.

De cara ao futuro, os responsables das dúas institucións salientaron a súa vontade de seguir estreitando lazos e articulando sinerxías que permitan desenvolver todo o potencial de colaboración entre a Universidade de Vigo e o CHUO en investigación, docencia e transferencia de coñecemento. Neste senso, o reitor da Universidade de Vigo fixo fincapé en aproveitar as potencialidades e singularidades do complexo ourensá e en que a universidade sexa o catalizador que contribúa a consolidar a investigación no complexo hospitalario.