DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alba Álvarez traballa este cuadrimestre no Servizo de Deportes

O primeiro emprego de Alba está no campus

No marco dun convenio entre a Universidade e a Asociación de Persoas con Discapacidade de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 21/05/2013

Hoxe en día atopar un emprego é moi difícil. Atopar un emprego sendo menor de 25 anos é moi moi difícil. Atopar un emprego pertencendo a algún grupo de necesidades especiais é moi moi moi difícil. Por estes tres motivos en contra, Alba Álvarez está especialmente contenta de estar este cuadrimestre traballando no Servizo de Deportes do campus de Ourense. É, con 19 anos, o seu primeiro traballo, froito dun convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e a Asociación de Persoas con Discapacidade de Ourense (ADO) para o desenvolvemento dun programa conxunto encamiñado a fomentar a integración laboral deste colectivo.

A iniciativa, posta en marcha a principios de curso, permite que cada cuadrimestre un membro da asociación se incorpore durante uns meses a algún departamento do campus de Ourense para adquirir formación e experiencia laboral. Deste xeito, Cristina Fernández estivo durante o primeiro cuadrimestre na Biblioteca Central Universitaria e agora Alba Álvarez fai o mesmo no Servizo de Deportes. “O traballo que teño que facer é revisar os armarios do ximnasio, abrir o campo sintético, recoller e devolver os carnés á xente que vén ao Pavillón e dar material deportivo ás persoas que mo piden”, explica Alba Álvarez desde o seu posto na entrada das instalacións deportivas do campus.

Experiencia positiva para todas as partes

De 16.00 a 20.00 horas, catro días á semana, acode ao campus de Ourense para desenvolver o seu traballo. “Gústame todo o que fago, non hai nada que non me guste. Estou moi contenta aquí”, comenta Alba Álvarez, que comparte tarefas cos auxiliares técnicos de instalacións deportivas Óscar Álvarez e César Gómez. “Xa leva varios meses connosco e adaptouse perfectamente, coñece ben as tarefas que ten que realizar e fainas moi ben”, destaca Óscar Álvarez. Comentando como a súa familia comparte con ela a súa satisfacción por estar traballando no campus, Alba Álvarez subliña que non lle foi difícil adaptarse a un horario laboral e a cumprir cunhas tarefas que lle gustan. Si recoñece que a pesar de levar varios meses trabando no Pavillón segue sen interesarlle a práctica do deporte. “A min o que me gusta é pasear”, comenta cun sorriso.

“Desde que se puxo en marcha esta colaboración con asociacións da cidade, hai arredor catro anos, no Servizo de Deportes sempre pedimos que veña para o noso departamento unha das persoas beneficiarias. É sempre unha experiencia xenial, tanto para elas como para nós e axúdannos moito, porque son moi dilixentes coas tarefas que se lles encarga”, subliña desta iniciativa Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense. Coa participación de Cristina Fernández e de Alba Álvarez este curso cúmprese a filosofía do programa de colaboración entre o campus e ADO, que quere promover a integración das persoas con discapacidade na sociedade e conseguir que adquiran unha experiencia no desenvolvemento de determinadas tarefas profesionais de cara a lograr a súa progresiva integración no mercado laboral e avanzar na súa autonomía e independencia persoal.