DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo

Primeiro de maio e unidade sindical

Etiquetas
  • Vigo
DUVI 02/05/2008

A celebración do Primeiro de Maio en Galiza cheou este ano inzada de dúbidas. Non foi unha xornada que salientase pola claridade da mensaxe que se transmitiu nin polo feito de que as organizacións sindicais formulasen unhas reivindicacións máis ou menos nidias. Mesmo se espallan preguntas sobre o sentido que pode ter nos anos que corren o mantemento desta efeméride, como con mágoa tiven que ler en certo xornal hai poucos días.

Porén, os problemas laborais non desapareceron, senón que se manteñen os mesmos dos anos anteriores. A porcentaxe de precariedade que hai no noso país segue a ser insoportable e indigna dunha parte do territorio da Comunidade Europea. Os accidentes de traballo non minguaron de xeito significativo e tampouco se pode dicir que esteamos nos parámetros normais dos nosos estados veciños. A discriminación laboral da muller constitúe o sinal de identidade máis vergoñento do noso mercado de traballo. Ben é certo que houbo avances, iso si, a velocidades xeolóxicas.

Aínda máis, outras preocupacións novas agroman na nosa realidade laboral, entre elas certo incremento do desemprego coincidente coa crise económica na que nos sumimos. Dito repunte está moi lonxe das outras porcentaxes dos anos noventa e concéntrase sectorialmente en certos ámbitos en claro estancamento. Con todo, as organizacións sindicais teñen a obriga social de prestarlle atención e adoptar todas as medidas ante un eventual risco de descenso da cobertura social.

Neste contexto, outra vez as centrais sindicais amosan diverxencias e as expresan en convocatorias diferenciadas. Xa vai para cinco anos das máis recentes manifestacións unitarias co gallo da crise do Prestixe. Coa única excepción do problema do sector gandeiro, no que por primeira vez en moitos anos as organizacións agrarias –incluída Xóvenes Agricultores- convocan movilizacións conxuntas, este Primeiro de Maio expresa a fenda que se abriu entre os sindicatos máis representativos estatais –UGT e CCOO- por unha banda e a CIG pola outra. O Diálogo Social en Galiza, anxo ou esperpento, segundo a mirada de cada quen, é a meirande expresión desta crise, que afecta ademais aos propios piares da confianza entre unhas e outras organizacións de clase.

As eivas do noso mercado de traballo e das nosas relacións laborais ben merecerían unha chamada de atención ás cúpulas sindicais: a unidade de acción non se expresa, tense. Cando menos, nun ano de crise, no que hai que dispor de certa capacidade de resposta ante eventuais “medidas de axuste”, que xa se suxiren en certos ambientes políticos. Alén de conflitos e folgas puntuais, máis ou menos exitosas, pola negociación de convenios e acordos colectivos.