DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro disputouse ante unha gran cantidade de público

Primeiro triunfo do Ednon Universidade de Vigo ante o Eibar

O equipo vigués gañou ao Eibar R.C. con 21 puntos fronte a 17

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
S. Alcázar DUVI 26/10/2009

O equipo Ednon Universidade de Vigo acadou nas últimas horas un merecido triunfo fronte ao Eibar Hierros Anetxe R.T. Despois da derrota ante o Oviedo na primeira xornada o equipo vigués desprazouse ata o País Vasco para enfrontarse a un rival directo na loita polas primeiras prazas da División de Honra B. A vitoria acadada nun partido que comezou moi igualado sitúa ao Ednon no cuarto posto na clasificación, situándose a catro puntos da cabeza. A vindeira xornada o equipo vigués recibirá ao Durango, colista da categoría.

Partido moi disputado con final feliz

O encontro que se disputou nun campo ateigado de público, comezou cun xogo moi igualado por parte de ambos equipos, que non se daban ningunha vantaxe. No primeiro tempo os vigueses estiveron en numerosas ocasións moi preto da zona de ensaio do Eibar, pero non lograron acadar ningún tanto. A situación torceuse para o Ednon cando a Mariano Berlande lle amosaron unha tarxeta amarela, o que supuxo a súa expulsión durante dez minutos nos que o Eibar aproveitou a súa superioridade numérica para adiantarse cun touch-maul preto da zona de ensaio do equipo vigués. Poucos minutos despois un golpe de castigo a favor do Ednon Universidade foi convertido e o marcador rexistraba 5 a 3, pero este resultado non durou moito tempo, xa que a pesares da forte defensa viguesa, o Eibar amosaba superioridade na melé, e cun golpe de castigo, os vascos acadaron un resultado favorable ao finalizar a primeira parte do encontro.
No segundo tempo non parecía que as cosas fosen mellorar para o equipo vigués. Unha serie de erros remataron nunha melé a cinco metros da propia zona de ingoal. Finalmente, o arbitro determinou ensaio de castigo a favor do Eibar, que sumou cinco puntos. A partir dese momento o Ednon comezou a remontar, achegándose varias veces á liña de ensaio dos vascos. Finalmente lograron un ensaio aproveitando un golpe de castigo ao seu favor. Mauro Álvarez foi o encargado de darlle a volta ao marcador con dous tantos practicamente seguidos, dándolle a vantaxe ao seu equipo. Os vigueses seguiron atacando e poucos minutos despois, Alberto Mera meteuse na zona de ensaio dos vascos. A posterior conversión de Mauro acadaba un resultado de 21 a 12 cando o encontro estaba a piques de rematar. Nos derradeiros minutos, o Eibar fíxose co balón e marcou un tanto, pero non logrou arrebatarlle a vitoria aos vigueses, que gañaron con 21 puntos fronte a 17 do equipo vasco.