DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os expedientes máis complexos e o informe anual, tarefas máis urxentes para os seus 8 membros

Primeiros pasos do Tribunal de Garantías na súa nova etapa con Argimiro Rojo ao fronte

Roberto Ignacio Fernández será o vicepresidente, mentres que Rosa María Ricoy ocupará o cargo de sec

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 21/12/2011

Naceu para defender os dereitos de todos os membros da comunidade universitaria e agora comeza oficialmente a súa nova etapa con Argimiro Rojo ao fronte. O Tribunal de Garantías da Universidade de Vigo celebrou onte a súa reunión constitutiva, na que foron elixidos Roberto Ignacio Fernández como vicepresidente e Rosa María Ricoy como secretaria, “unha función relevante que esixe dedicación e dispoñibilidade”, salientou Rojo. O novo tribunal está composto por catro representantes do Persoal Docente e Investigador (José Rúas, José Ignacio Fernández, Teresa Mourín e Rosa María Ricoy), dous do Persoal de Administración e Servizos (Ana Belén Martínez e Guillermo de Oca) e un representante do alumnado, Javier Puga, estudante da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas. A primeira tarefa, poñelos ao día do que se fixo dende o nomeamento de Rojo como substituto de Luis Espada. “A pesar de non estar constituído o tribunal, nestes últimos 5 meses todo funcionou con normalidade, sen dar a sensación de parálise nin desgoberno”, recalcou o presidente.

Planificación da axenda de traballo

Ano novo e axenda nova. Na reunión os membros do Tribunal de Garantías planificaron xa a orde de traballo cos temas que se deben abordar con máis urxencia, como os expedientes máis complicados que precisan o pronunciamento de todo o consello, e o informe de actividades 2011, “unha memoria anual do tribunal pero que de algún xeito tamén reflicte o nivel de conflitividade que existe na comunidade universitaria”. Outro dos eixos principais da reunión constitutiva foi a organización do traballo, sobre todo relacionado coas relacións exteriores do propio tribunal, tanto a nivel europeo como mundial. “Formamos parte de redes que hoxe son imprescindibles para o bo funcionamento do órgano e para crear esa sinerxía entre todos os defensores universitarios”, argumentou Rojo, que foi elixido para formar parte da Comisión Executiva da Conferencia Estatal de Defensores Universitarios (CEDU).

A universidade con menos expedientes

A pesar de que ata o Tribunal de Garantías chegan documentos “case cada día”, a Universidade de Vigo é a que menos expedientes abriu de toda España: en total, 317 nos primeiros dez anos de funcionamento deste órgano, 14 o ano 2009. Unha diminución en gran parte producida por unha aposta pola negociación e o emprego de consultas, entrevistas, intervencións, mediacións e conciliacións antes de chegar á apertura do expediente. “A miña lectura é positiva porque, por unha parte, entendo que se están a facer as cousas ben, que hai unha boa gobernanza e que todos os implicados teñen un grao de profesionalidade máis que aceptable, e, por outra, a comunidade universitaria mantén unha actitude dialogante, cooperativa e de respeto. Iso facilita a xestión do conflito e fai posible que non chegue a producirse ou que se magnifique”, subliñou Rojo.

Para garantir a imparcialidade, os estatutos do Tribunal de Garantías recollen que todos os seus membros non poden ter ningún outro cargo de goberno na Universidade de Vigo para evitar estar sometido ao mandato imperativo doutra instancia ou recibir ordes de outras autoridades.