DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xabier Álvarez, director do Coro Universitario do campus:

"A principal cualidade do corista é ter bo oído musical"

A agrupación presentarase fóra do eido universitario nun concerto previsto para finais de curso

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 29/01/2010

Durante moitos anos o soño de Xabier Álvarez, profesor de música no Ensino Secundario, era que Ourense tivera un coro universitario. Aquela idea tomou forma nun primeiro momento como un obradoiro cuadrimestral iniciando así o que el define como “un traballo lento e con moitos momentos de desánimo porque ao principio a resposta da xente foi pequena”. A súa constancia e tesón fixeron posible que tempo despois, no 2008, aquel obradoiro se constituíra como unha institución máis do campus. Na actualidade a agrupación fórmana 37 persoas entre profesores, alumnos e ex-alumnos, persoal de administración e servizos e tamén xente allea á Universidade. O director define este logro como “un soño feito realidade que deixa atrás uns duros comezos nos que non chegabamos nin á ducia de persoas”.
As voces do coro son as clásicas deste tipo de agrupacións: sopranos e altos nas voces femininas e tenores e baixos nas masculinas. Polo que respecta ao repertorio, a súa principal característica é a variedade, dende música clásica e popular ata o xénero pop, espirituais negros e música sacra. Outra calidade da agrupación é o idioma e así o subliña o director. “Cantamos en sete idiomas: galego, castelán, francés, inglés, alemán, italiano e latín e temos tamén no repertorio pezas africanas”, declara.

Unha actividade interxeneracional que reúne a estudantes e a xubilados

O Coro Universitario ensaia os luns e os xoves na Aula de Música da Facultade de Ciencias da Educación e en cada ensaio o director tenta trasladar a súa vocación como docente á agrupación. “O que intento é que a xente non só cante se non tamén que aprenda a cantar, a desenvolver o seu oído musical e a súa técnica vocal”. Ao preguntarlle polo perfil dos coristas Xabier Álvarez explica que se trata dunha actividade interxeneracional con persoas que van dende os estudantes de primeiro curso da carreira universitaria ata xubilados. “Hai profesores e estudantes de todas as facultades e, polo que respecta aos ex-alumnos, predominan os profesores de Primaria e Secundaria”. Estas persoas participan na actividade porque buscan nela un momento de relaxación e de descanso que lles permite desconectar das preocupacións do día a día e así o explica Xabier. “O coro achégalles un contacto coa música e con toda a riqueza musical das harmonías vocais. Dalles tamén unha oportunidade magnífica de convivir e de vivir en grupo unha experiencia moi enriquecedora”.

Ter bo oído e capacidade de convivencia, cualidades dos futuros coristas

As persoas que desexen formar parte do Coro Universitario só teñen que achegarse a un dos ensaios da agrupación e facer constar o seu interese por integrarse no grupo. Haberá, por suposto, unha pequena proba de voz “para ver a capacidade auditiva desa persoa” e invitaráselle a que asista a un ou a dous ensaios para que coñeza a dinámica de traballo do grupo. Xabier Álvarez asegura que non se esixen grandes capacidades porque, segundo explica, “a principal cualidade dun bo corista é o oído musical, ter bo oído. Logo, dende o punto de vista humano, debe ser unha persoa con capacidade de convivir e de integrarse nun grupo”.
A última actuación do coro foi o día 22 de xaneiro con motivo do acto de graduación da XV promoción de alumnos da Facultade de Dereito onde interpretaron un variado repertorio con temas como o himno gregoriano, a composición galega Alalá de Noia, un tema maorí e outro italiano e, por suposto, o himno universitario (Gaudeamos Igitur). Solemnizar os actos académicos e culturais do campus é a función principal do coro. Pero os plans de futuro van máis aló. Segundo o seu director, “o noso obxectivo agora é que o coro adquira vida propia como agrupación artística para que poida moverse e cantar en distintas cidades e universidades”. O primeiro paso neste novo camiño vai ser un concerto que van ofrecer na cidade a finais de curso e no que estarán apadriñados polo Coro Universitario de Vigo.