DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jesús Hernández, vicerreitor do campus de Pontevedra:

“A principal función da Vicerreitoría é a de debuxar os primeiros esbozos do que, como se di na disciplina da que eu proveño, será unha grande obra de arte”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 10/06/2008

Creada dentro do proceso de descentralización dos campus, Pontevedra conta desde o ano 2006 cunha Vicerreitoría propia da que Jesús Hernández é o máximo responsable e que ten importantes retos por diante en materia de infraestruturas, de programación, de difusión e de adaptación ao sistema europeo. O que anteriormente fora durante oito anos decano da Facultade de Belas Artes, formouse nesta disciplina en Salamanca, de onde procede, e dedica o pouco tempo libre que lle queda a alimentar a súa faceta artística. Ademais de participar en diferentes exposicións, a literatura é outra das súas paixóns e xa conta con algunhas publicacións como El legado de la rosa ou 69. M(ó)nadas se(x/s)uales. Ante o remate do curso 2007/2008 e no ecuador do seu mandato como vicerreitor, Jesús Hernández afonda para o Duvi nos aspectos principais que marcaron estes dous primeiros anos ao fronte do campus.

A Vicerreitoría púxose en marcha como o primeiro paso no proceso de descentralización do campus e co obxectivo de que pouco a pouco fora asumindo novas competencias. Deste xeito, cales foron as responsabilidades que se afrontaron nestes case dous anos que leva en funcionamento?
Non se trata, soamente, dunha descentralización tanto administrativa como de xestión, senón de que a Universidade teña unha presenza no campus de Pontevedra acorde á que ten en Ourense e potencialo como unha entidade propia. Deste xeito, temos todas as competencias excepto nos temas de investigación e profesorado que se levan desde Vigo, xa que repercute en toda a infraestrutura universitaria e responde a unha única unidade aínda que logo cada centro teña a súa forma de actuar. Outro dos pasos que se deron neste segundo ano da Vicerreitoría, foi o nomeamento da vicexerenta, encargada de xestionar todo o proceso e que pouco a pouco dará os seus froitos. Considero que o seu cargo, xunto ao do vicerreitor, debe contribuír a darlle ese corpus institucional que buscamos, ese é o noso principal obxectivo, que o campus de Pontevedra teña unha identidade por si mesmo.

Desde o seu comezo, no ano 2006, a Vicerreitoría contou cun edificio propio, a Casa das Campás, un lugar que agora xa forma parte da imaxe da institución. Neste senso traballouse moito ao longo deste último ano, cales foron as principais estratexias que se empregaron?
Coa Casa das Campás xa contamos incluso antes de crear a Vicerreitoría, a través dun acordo co Concello de Pontevedra, e unha das nosas premisas foi a de que se convertera no centro da institución universitaria como identidade de imaxe. Polo tanto, o noso traballo nestes case dous anos estivo constantemente dirixido a que isto fora así, nese afán de integrar un pouco máis a cidade no campus.

Unha boa comunicación é fundamental á hora de implantar unha nova entidade como é a Vicerreitoría. Que outras actividades están previstas para seguir potenciando a imaxe da institución académica dentro e fóra do campus?
Pois contamos cunha directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes que precisamente provén de ese mundo, da publicidade e da comunicación e está traballando nese ámbito. O que sucede é que non é sinxelo porque a información hoxe en día está moi saturada e dentro dese panorama facemos o que podemos. Por un lado, coa nosa imaxe intentamos facer algo atractivo, que sexa un reclamo máis para a comunidade universitaria e, por outro lado, tamén está o proxecto da nova web, que de momento se atopa en período de proba e contamos con que se poña en marcha nun prazo aproximado dun mes. En realidade o que fixemos son tres: a da Vicerreitoría, a da Casa das Campás e a da Sala X. A primeira é a máis institucional, relacionada coa información da estrutura universitaria en si mesma, mentres que a da Casa das Campás vai dirixida a actividades culturais que incluso poden estar ao marxe da Universidade, xa que aquí acóllense moitas iniciativas do Concello e de outras entidades.

A Vicerreitoría destaca pola súa completa e variada oferta cultural, aberta a toda a cidadanía. Serve isto para achegar o campus a Pontevedra, para facer partícipe á cidade das actividades universitarias?
Unha cidade como Pontevedra precisaba dun espazo cultural que non fora ao uso do habitual e común. Por iso o noso reto estaba en que hai diferentes tipoloxías de cidadáns que realmente están interesados en outra forma de entender a arte e considero que a Universidade debe ofertar esa faceta non comercial, máis ligada ao pensamento, ao coñecemento da actividade cultural como forma de crecemento da persoa. Deste xeito, organízanse ciclos de cine, de artes escénicas, a programación de primavera, a de outono e os cursos de extensión, ademais de unha infinidade de actividades illadas como exposicións, conferencias, coloquios, etc. Respecto á participación da cidadanía, por ser a primeira vez que se fai, estamos contentos, a resposta foi suficiente, pero sabemos que a implantación dun contexto artístico leva certo tempo, é complicado habituar á xente a ter na súa axenda diaria certas iniciativas, pero niso estamos traballando, en que se saiba que na Casa das Campás en primavera hai unha programación interesante para acudir os venres pola tarde, por exemplo, ou que aquí pasamos ciclos de cine que non se atopan en ningunha sala, nin na casa.

Neste senso, un dos retos da Vicerreitoría sempre foi o de integrar o campus na cidade a través dun paso peonil cuberto que una as beiras do río Lérez. Que posibilidades existen de que se comece o proxecto antes de rematar este mandato?
Ese é un dos nosos futuribles, o que sucede é que primeiro temos que abordar outros temas relacionados coas infraestruturas que afectan ao campus, como a última fase de construción da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que xa está en proceso, para poder planear en condicións o proxecto. O que vamos a abordar a continuación e que queremos coordinar co Concello e con todas as administracións locais correspondentes, é o feito de que en A Xunqueira hai, entre a Universidade e outras institucións educativas, unha bolsa de 8000 estudantes que cada día teñen que desprazarse desde o centro da cidade. A nosa intención é a de facilitarlles a todos eles, non so aos universitarios, o camiño ata o campus fundamentalmente nos días de choiva, para o que se pensou nunha pasarela peonil, que aínda está por definir a súa forma. Pero a lóxica de actuación é a de rematar primeiro outros proxectos que xa están en marcha para poder máis adiante seguir coa urbanización da zona.

O mes de maio rematou coa boa nova de que Belas Artes é a primeira titulación da Universidade adaptada ao sistema europeo. En que situación se atopan o resto dos centros do campus pontevedrés?
No Consello de Goberno aprobáronse todas as titulacións do campus de Pontevedra excepto a de Enxeñaría Técnica Forestal, porque é unha carreira na que aínda non estaban marcadas as competencias profesionais por parte dos organismos competentes. Agora xa están definidas e todas as licenciaturas e diplomaturas presentarán os seus planos de estudo antes de setembro. O caso de Belas Artes é destacable, non soamente por ser a primeira da Universidade en adaptarse a Europa, senón por ser, xunto á de Teruel, as dúas únicas do sistema público en España.

Sen embargo, a construción do Edificio das Artes segue a ser a gran materia pendente para a titulación da que anteriormente foi decano. Como vai o proceso da cesión dos terreos da antiga fábrica de Tafisa, onde se levantará a nova facultade?
O gran problema de todo este longo proceso é que nós fixemos os deberes todos os anos, estamos dispostos a comezar xa, pero hai un procedemento administrativo no que mentres a Universidade non conte cos terreos, non pode nin sequera encargar o proxecto. A cesión depende da administración local e estamos esperando esa adquisición, a idea agora é que á volta do verán se solucione e en canto teñamos a área onde construír, porase en marcha. Ademais temos a promesa do alcalde de que, cando se cedan os terreos de Tafisa, firmarase un acordo para outra área na mesma zona, ao lado do Edificio das Artes, para a construción de pisos para estudantes. É un sitio moi bo para levar a cabo esta iniciativa, serían apartamentos preparados para dúas persoas e cos que os alumnos, por un prezo aproximado de uns 150 euros, terían a posibilidade de vivir con unhas calidades que non se atopan nas residencias.

Outro dos proxectos que a comunidade universitaria de Pontevedra espera con ansia é a posta en marcha da gardería do campus. Confía en que pronto se poida contar con ela?
Se todo vai ben, que esperemos que así sexa, o proxecto rematarase a finais de xuño e a gardería comezarase a construír antes de que acabe o ano. O edificio estará entre a Escola Universitaria de Fisioterapia e a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. A instalación acollerá, segundo un estudo previo que se fixo entre a comunidade do campus, 30 prazas que, repartidas en quendas de mañá e tarde, poden ampliarse ata 60. Na investigación que se fixo, a demanda existente era de 20 nenos, polo que contamos con cubrir perfectamente esta necesidade.

Finalmente, como Vicerreitor do campus, cando lle pregunten dentro de dous anos, ao remate do seu mandato, cales foron os principais retos acadados, qué lle gustaría poder responder?
O que non me gustaría sería que eu fora un vicerreitor que dedicara o seu mandato a facer obras e temas de ese tipo. Desexaría ser un vicerreitor que fai calidade universitaria ou que polo menos puxo a primeira pedra no campus para que iso poida suceder. Penso que a principal función da Vicerreitoría é a de poñer en marcha, a de lanzar todos os programas e toda a infraestrutura necesaria para que o que veña logo xa teña o camiño feito. Iso non quere dicir que sexa un proxecto inamovible, senón que se trata de debuxar os primeiros esbozos do que, como se di na disciplina da que eu proveño, será unha gran obra de arte.