DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alejandro García, psiquiatra:

“A problemática das historias da emigración responde á dos contos tradicionais”

Nunha conferencia sobre a “Psicopatoloxía do emigrante galego retornado”

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 29/11/2007

Se a partida dos emigrantes cara ao descoñecido, semella a parte máis dura do seu periplo, moitas veces a volta ao fogar non resulta tan doce como cabía imaxinarse. Para afondar nestes conflictos do regreso, o Edificio de Ferro acolleu unha conferencia sobre a Psicopatoloxía do emigrante galego retornado, na que se analizaron os problemas da volta a casa trala emigración. O relator da mesma, o doutor Alejandro García, traballa coma psiquiatra nun coñecido centro de saúde da cidade e ese contacto diario coa xente é o que lle permite ter un observatorio privilexiado da realidade. Decatouse de que a miúdo, o motivo dos problemas cotiás como a depresión, o insomnio ou a ansiedade radicaba no feito migratorio pero os pacientes o obviaban. “Ao mellor pasaran 30 anos fóra e non facían ningunha referencia a esa circunstancia, cando iso é algo nuclear na súa vida, así que decidimos traelo a un primeiro plano” explicou o doutor. O primeiro é analizar o motivo da volta para chegar aos problemas de adaptación.
Inspirado no artigo Emigrar para voltar, de Caroline Bretel, unha autora de referencia no eido migratorio dende o punto de vista antropolóxico, García decidiu analizar os casos que pasaban pola súa consulta. “Recollendo todas estas testemuñas dinme conta da similitude cos Contos de Fadas de Vladimir Propp, un autor ruso que analizou a literatura tradicional e construíu un conto a partir de todos os contos”. Os mitos inciden en todas as manifestacións culturais e estes contos de sinxela estrutura “coincidían coas historias vividas polos meus pacientes, ocorre unha desgraza ou unha mala acción que xeralmente era a carencia económica. Iníciase así unha longa viaxe chea de aventuras que remata coa volta do heroe e as mostras do seu triunfo que neste caso son os chalés ou os coches caros” explicou “pero sobre todo que os fillos non teñan que pasar polo mesmo ca eles”.

 

A problemática

Precisamente os fillos son unha das fontes de problemas máis importantes, ben porque estableceron os seus lazos emocionais no país receptor e non quixeron volver ou ben porque tiveron que deixalos en Galicia para emigrar e á volta non os recoñecen. Pero o principal problema do retorno é o que Alejandro García chama “o tempo aprazado”, as veces durante décadas, entre a infancia e a aldea idealizados que deixaron atrás ao irse e a futura volta ao paraíso. Curiosamente, o concepto de paraíso responde a unha caracterización medieval que se mantivo en todas as sociedades agrícolas: bo tempo, comida e auga e que “é o que explotan determinados programas de televisión para emigrados” comentou. A realidade cando regresan pouco ten que ver co estereotipo ao que se suma que despois de tantos anos fóra xa non teñan grupos sociais nin cohesión co pobo, dáse así a “segunda morriña” e comezan a estrañar os países aos que emigraran. No caso das mulleres que viviron como traballadoras en Europa carecen aquí dun espazo de lecer propio, ademais do relativo atraso en relación a outros países veciños. “Chegan ao médico e din que funciona fatal o sistema e poñen reclamacións, tampouco aturan o ter que pedir favores como se fai nos pobos. É un deber que lles asfalten a estrada, non conciben ter que pedirllo ao alcalde” comentou o psiquiatra, engadindo a importante función que estes retornados van cumprir na modernización da sociedade.
O seu libro, Psicopatoloxía do emigrante retornado, polo que recibiu xunto co seu colaborador Ramón Area o premio Ramón Piñeiro, é unha lectura narrativa. En palabras do autor, “a investigación cuantitativa é complementaria pero non estamos nun ámbito obxectivo e, coa obra, queremos render homenaxe a todos eses pacientes dos que sacamos as historias, son textos para arroupalos” explicou. Asegurou tamén que responde a unha necesidade social, a de revalorizar as cousas que parecen soterradas. Sobre todo en Galicia, terra de emigrantes por excelencia, onde non se falaba da problemática que a volta leva asociada.