DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolleu a charla ‘Creando Rosalías’

O proceso de fusión de poesía, música e artes plásticas, fase a fase

O acto xirou arredor da elaboración dos libro-discos 'Rosalía pequeniña' e 'Na lingua na que eu falo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 09/01/2014

Dous traballos nos que a poesía de Rosalía de Castro se fusiona coa música e as artes plásticas centraron a charla que este xoves acolleu a Casa das Campás; os libros-disco Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle e a ilustradora Marina Seoane; e Na lingua que eu falo, de Najla Shami e a fotógrafa Ainoa Calvo. Mais o obxectivo do coloquio Creando Rosalías non era presentar dous traballos que viron a luz o pasado ano 2013, senón mirar cara atrás e afondar, a través das vivencias das súas autoras, no nacemento e nas diferentes fases do proceso de xestación de dúas obras nas que conflúen diferentes disciplinas artísticas.

De feito, esta charla integrada no programa de actividades paralelas do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré, estaba especialmente dirixida a estudantes universitarios de Belas Artes, Comunicación Audiovisual ou Educación Musical, así como a músicos, ilustradores, fotógrafos ou artistas plásticos.

Traballos que levan á interacción

Ademais de supor unha revisión sonora do legado da poetisa, as dúas obras sobre as que xirou esta actividade tamén teñen en común o seu formato multidisciplinar, que leva a interacción entre diferentes creadoras. “Foi un traballo que concibimos conxuntamente, entre as dúas fomos facendo que o libro fose collendo consistencia. De feito, as ilustracións suxeríanme un determinado ambiente musical”, explicou Uxía, que tratou de levar os versos da poetisa a un público infantil. Por iso, o primeiro paso do proceso creativo foi “imaxinar como sería Rosalía de nena”, para a partires de aí compoñer cos seus versos unha serie de cancións alegres e sinxelas.

Na consecución deste obxectivo xogou tamén un papel clave a ilustradora Marina Seoane, que ideou a súa a versión dunha Rosalía cativa, a que converteu na protagonista principal da parte gráfica da obra. “Na ilustración dun libro, o máis importante é sempre ter o personaxe principal”, salientou Seoane, quen centrou a súa intervención en amosar aos asistentes os diferentes pasos do seu traballo creativo, desde os bocexos a bolígrafo á posterior composición de cada páxina no ordenador.

Tamén abordou os diferentes pasos da composición gráfica de Na lingua na que eu falo a fotógrafa Ainoa Calvo, a responsable de dotar de corpo gráfico ao que é o primeiro disco da cantante Najla Shami. Unha gravación que desde a editorial Galaxia propuxeron a esta artista a raíz dun concerto seu na propia casa natal de Rosalía en Padrón. “A verdade é que sentín algo de vertixe, sénteste moi pequena á hora de debullar a obra dunha poetisa tan grande”, recoñeceu Shami, quen explicou que tentou fundamentar o traballo de musicar e adaptar os poemas na forma de escribir da autora de Follas Novas.

O libro-disco, un formato en auxe

Ademais de supor unha revisión sonora do legado da poetisa, estes dous traballos tamén teñen en común un formato que semella estar adquirindo unha maior relevancia nos últimos tempos. “As tendas de discos están pechando, pero as editoriais estanse abrindo ás musicas. Aínda nos queda o refuxio das librarías”, apuntou Uxía, que recoñeceu que, á hora de apostar por este formato, ademais das súas potencialidades, tamén inflúe o diferente tipo de IVE que se aplica a libros e discos. “Nestes momentos o mundo discográfico está seriamente danado con ese IVE brutal”, criticou a autora de Rosalía pequeniña.