DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada por primeira vez pola facultade do campus de Ourense

O proceso de implantación dos graos centra a VIII Conferencia de Decanos e Directores de Maxisterio e Educación de España

Terá lugar os vindeiros 25, 26 e 27 de outubro en Allariz

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 22/10/2010

Na súa oitava edición, a Conferencia de Decanos e Directores de Maxisterio e Educación de España terá Ourense como escenario, tal como se decidiu no último encontro, celebrado en Granada. “Consideramos todo un éxito social o feito de que este ano se celebre a reunión na nosa facultade”, explica Mercedes Suárez, decana de Ciencias da Educación, que engade que “isto é un reflexo da nosa participación activa desde o comezo. Comprometémonos a organizar o evento para que chegara a bo porto e precisamente iso é o que agardamos”.

A prioridade deste encontro é facer unha análise das accións que se están a levar a cabo para a implantación de graos e másters relacionados co ensino e valorar os resultados que se están a acadar. “Queremos cursos de calidade, polo que temos que debater cales son as medidas a tomar neste momento caracterizado por unha merma de recursos provocada pola crise económica”, tal como apunta a decana.

Con este obxectivo, durante os vindeiros 25, 26 e 27 de outubro, arredor dun cento de decanos de centros públicos e privados de todo o estado compartirán experiencias e buscarán alternativas viables para rematar o proceso de implantación. “Atopámonos na metade do camiño. Na nosa facultade xa impartimos os dous primeiros cursos do grao, polo que é un momento ideal para reflexionar sobre os puntos nos que estamos acertando e aqueles outros nos que temos que mellorar”, puntualiza Suárez. Outro tema estrela deste encontro é a instauración do práctium, unha materia común e obrigatoria.

Entre Santiago de Compostela e Allariz

O Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela acollerá a inauguración desta oitava conferencia. Posteriormente, e tras unha visita ás cubertas da catedral, a comitiva partirá cara Allariz, onde serán recibidos por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo.

Durante os dous días que os asistentes á reunión permanecerán na vila ourensana non só manterán reunións de traballo, senón que tamén terán tempo para a realización de actividades culturais, tales como a visita á Fundación Vicente Risco