DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Edgar Núñez, decano da Facultade de CC.XX. de Sta. Cruz de la Sierra:

“O proceso de integración de América Latina está en proceso de defunción”

Participou nun seminario internacional sobre descentralización e cooperación rexional

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 12/05/2008
Co obxectivo de afondar nos procesos de descentralización e cooperación interrexional que se están a desenvolver tanto en Bolivia como en España, a Universidade, en colaboración co Instituto de Estudos Europeos Salvador Madariaga e a Universidade Privada de Santa Cruz de la Sierra (UPSA), organiza na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo un seminario de talla internacional.
Financiadas pola Axencia Española de Cooperación Internacional, a primeira das xornadas contou coa presenza de Fernando Edgar Núñez, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e Sociais da UPSA, que se referiu ao proceso de reforma estrutural que está sufrindo América Latina para explicar a división interna entre a rexión produtiva e a burocrática que actualmente vive Bolivia. A este respecto sinalou que “o proceso de integración de Sudámerica, con iniciativas como o Mercosur e a Comunidade Andina, está en fase terminal e xa están xurdindo novos acordos políticos liderados por Hugo Chávez”.
En relación ás axudas de cooperación que Bolivia recibe, Núñez apuntou á “erradicación da pobreza, protección do medio ambiente e loita contra o narcotráfico” como principais prioridades, “sen embargo esta axuda externa tende a distorsionar a economía nacional e a frenar a produción agrícola local aumentando a dependencia alimentaria da poboación”, continuou.
Neste punto, o decano referiuse ás críticas que Evo Morales fai á cooperación internacional ao considerar que o 70% do presuposto vai a gastos de funcionamento dos proxectos e só o 30% a inversión. Ante esta situación, o presidente boliviano non establece acordos de préstamos co Fondo Monetario Internacional, mentres que prefire estreitar relacións con cuba e Venezuela a través do Tratado de Comercio dos Pobos.

Rexionalismo español no marco europeo

O encargado de inaugurar o seminario ao introducir os temas de rexionalismo e descentralización foi José Manuel Sobrino, Catedrático de Dereito Internacional Público da Universidade da Coruña, que puntualizou que “a que se vai tratar estes días é unha cuestión de máxima actualidade, pois, sen ir máis lonxe, o pasado domingo tense celebrado un referendo de autonomía nun dos principais departamentos bolivianos”.
A modo de contextualización, Sobrino sinalou que a maior parte dos estados europeos teñen asistido a un proceso de descentralización interna que deu lugar a que na actualidade existan máis de 200 rexións. De modo paralelo, “téñense introducido mecanismos de solidariedade a través de políticas como o FEDER ou os Fondos de Cohesión”, segundo as súas palabras. Dáse polo tanto a coexistencia entre este modelo de cooperación internacional entre países europeos e a desaparición do modelo clásico de estado centralista e unitario.
Ante este panorama, as rexións europeas téñense convertido nos novos actores das relacións internacionais en virtude de constitucións que introducen cláusulas que lles atribúen competencias neste ámbito. En canto ás posibilidades de accións externas das comunidades autónomas, Sobrino sinalou que "a Carta Magna española atribúe a competencia exclusiva en materia de RR.II. en favor do Estado, algo que o Tribunal Constitucional interpretou restrinxidamente ao considerar que se refire a accións que afecten á soberanía”. Esta situación permite que existan actuacións, tales como a promoción no estranxeiro ou a apertura de delegacións permanentes noutros países, que poden ser desempeñadas polas propias Comunidades Autónomas.

As sesións continúan mañá

De 11.00 a 13.00 horas desenvolverase a xornada de relatorios prevista para mañá, que contará con relatores da ambos lados do Atlántico. Así, a primeira das conferencias correrá a cargo de Belén Sánchez Ramos, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e encargada de organizar o seminario, que analizará os instrumentos xurídicos para a aplicación da cooperación rexional en Europa.
A continuación, relatores bolivianos afondarán no papel que o rexionalismo e a descentralización xogan no desenvolvemento do seu país.