DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ORI busca voluntarios que presten axuda aos estudantes de intercambio na súa integración

Na procura de anfitrións para o alumnado estranxeiro

A asociación ESN conta tamén cun programa deste tipo que busca ‘cicerones’

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 06/07/2012
Por coñecer xente, por aprender idiomas, por axudar aos demais, por divertirse... Son múltiples os incentivos e motivacións para converterse en anfitrións dos estudantes estranxeiros, para servirlles de guía, amosarlles a que será a súa cidade durante meses e axudalos a adaptarse. A Oficina de Relacións Internacionai, ORI, recruta cada ano a estudantes da contorna para que ser convertan en ‘cicerone’ dos preto de 600 alumnos e alumnas de todo o mundo que completan os seus estudos na Universidade de Vigo.

O programa de voluntariado da ORI, primeiro programa de voluntariado da Universidade de Vigo, leva anos poñendo en contacto aos estudantes de intercambio con aqueles que pasarán a ser os seus anfitrións. Unha relación que comeza por correo electrónico e se fai realidade no aeroporto ou na estacións de tren. Esta é unha das primeiras encomendas que teñen os voluntarios deste programa de acollida, tras asesoralos vía email antes de emprender a viaxe a Galicia, son eles os que os recollen tras baixar do tren ou do avión e os acompañan ata a ORI. Nas seguintes semanas prestaranlles a súa axuda na procura de aloxamento, ben sexa piso ou residencia, no proceso de matrícula na facultade correspondente e proporcionándolles información sobre actividades culturais, académicas, deportivas e de lecer que ofrece tanto a Universidade como as cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra.

Segundo explican dende a ORI, os voluntarios adoitan ser estudantes da Universidade que xa participaron de estadías no estranxeiro en ocasións anteriores. O vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández, anima a involucrarse nesta aventura porque “a participación como voluntario ou voluntaria no programa de acollida de estudantes estranxeiros permite, ademais do recoñecemento académico como tarefas de voluntariado, ter un contacto directo con estudantes de outras linguas ou outras culturas”. Ao seu entender, “isto facilita a adquisición de competencias internacionais mesmo sen moverse de Galicia e pode axudar a preparar unha vindeira estancia nunha universidade estranxeira dentro dos programas de mobilidade internacional a través dos contactos establecidos con outros voluntarios e a comunidade de estudantes de intercambio estranxeiros”.

A través da ESN

Outra das maneiras de arroupar ao estudantado estranxeiro en Vigo é a través da Internacional Exchange Erasmus Student Network, unha organización multidisciplinar con presenza en 34 países de Europa, que traballa en máis de 300 institucións de ensino superior. Nelas encárganse, en colaboración coas oficinas de relacións internacionais, de dar a benvida ao estudantado estranxeiro de intercambio, axúdannos a integrarse e ofrécenlles apoio, asesoramento e servizos de todo tipo.

Unha das últimas seccións da organización en botar a andar é a da Universidade de Vigo, fundada no 2010, por un grupo de alumnos que, no seu día, tiveron unha bolsa Erasmus noutro país, no que coñeceron o traballo desta asociación. Os máis de 20 membros que conforman a agrupación viguesa dedican boa parte do seu tempo a organizar actividades como excursións turísticas para os estranxeiros, picnic de benvida, cursos de surf e citas semanais para practicar idiomas en diferentes locais da cidade, así como viaxes a Porto, Lisboa, Barcelona, A Coruña, Ibiza ou Santiago.

ESN é unha das maiores asociacións interdisciplanares en Europa, presente en 343 institucións de 33 países, o que fai que o número de estudantes aos que ofrece os seus servizo se achegue aos 150.000. O seu funcionamento aséntase no voluntariado, traballando a prol da integración do alumnado internacional e contribuíndo a mellorar e facilitar a mobilidade dos estudantes.