DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade avanza na posta en servizo de escolas infantís en cada un dos tres campus

Na procura da conciliación e o respecto ao medio ambiente

Dotadas de preto de 200 prazas de 0 a 3 anos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 12/04/2010
Cun investimento de 2 millóns 800.800 euros e a previsión de que entren en servizo durante o vindeiro curso 2010-2011, a Universidade de Vigo está a desenvolver o proceso para a construción das tres escolas infantís proxectadas nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. As escolas impulsadas a través das vicerreitorías de Planificación, de Ourense e Pontevedra e da Área de Igualdade da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, porán a disposición da comunidade universitaria preto de 200 prazas de educación infantil coas que se pretende favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, así como, segundo explica José Cidrás, vicerreitor de Planificación “ofrecer un valor engadido á oferta académica e investigadora que fagan a Universidade de Vigo aínda máis atractiva, situándoa nunha posición de privilexio fronte ao resto de institucións españolas”.
O proxecto das escolas infantís inscríbese dentro do Plan SuMA que integra todas as accións que se desenvolven nos campus da Universidade de Vigo no ámbito do desenvolvemento sostible e do respecto ao medio ambiente. “No caso das escolas”, explica Cidrás “calquera intervención trátase desde o inicio de xeito responsable cara ao medio, apostando pola eficiencia enerxética dos edificios e a integración das enerxías renovables”.

Tres escolas para tres contornas diferentes

Cunha superficie construída de algo máis 2000 metros cadrados, distribuídos en seis aulas, a escola infantil do campus de Vigo, bautizada como Ecoescola, dará servizo a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0-1, 1-2 e 2-3 anos. Actualmente en fase de concurso, a escola estará localizada nas inmediacións do colexio Los Sauces no campus de Lagoas Marcosende e disporá de 80 prazas para os cativos e 21 prazas de aparcadoiro. A Ecoescola desenvolverase en plena natureza “o que obriga á arquitectura”, explica o vicerreitor de Planificación “ a actuar de mediadora entre esa natureza e a actividade humana que á súa vez poderá levarse a cabo nas condicións de confort adecuadas”. O proxecto da escola infantil do campus de Vigo contou coa colaboración do grupo Santander.
Pola súa banda a escola infantil do campus de Pontevedra que xa se está a construír a carón do río e moi preto da Facultade de Ciencias da Educación, terá capacidade para acoller 60 nenos e nenas distribuídos en catro aulas: unha de 0 a 1 anos con oito prazas, outra de 1 a 2 con 13 e dúas de 2 a 3 con 20 prazas cada unha. A escola que terá unha superficie pechada de 626,85 metros cadrados e mais 115,15 de porche empregará como sistema de calefacción unha caldeira de biomasa que tamén será o utilizado para o quentamento da auga durante a tempada fría. No verán apoiarase cun sistema de captación de enerxía solar por tubos de baleiro, unha tecnoloxía máis avanzada que os paneis solares planos.
A escola infantil do campus de Ourense ocupará unha superficie de 327, 51 metros cadrados distribuídos en catro aulas para grupos de idades comprendidos entre os 0-1, 1-2 e 2-3 anos. Recentemente adxudicada e a piques de iniciarse a súa construción, a escola que dará servizo a uns 50 nenos e nenas localizarase nas inmediacións do Edificio Xurídico Empresarial do campus ourensán. Unha infraestrutura “que se concibe como una peza máis dentro do Plan A Porta de Galicia que introducirá unha importante renovación no campus de Ourense”, explica José Cidrás.

Mínima emisión de gases de efecto invernadoiro e clasificación LEED

Aínda que diferentes nas súas superficies, dotacións e localizacións, as escolas infantís dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra comparten o obxectivo común de que o funcionamento das súas instalacións contribúan a minimizar a emisión de gases de efecto invernadoiro. “Por esta razón o sistema de enerxía elixido é o baseado na implantación de enerxías renovables que permitan un balance cero no cómputo de emisións de CO2 derivadas dos sistemas de climatización do inmoble”, sinala o vicerreitor de Planificación.
Ademais co obxectivo de manter o compromiso co medio ambiente tanto durante o proceso de construción como de vida útil das escolas infantís, as edificacións optarán á clasificación LEED (Leadership in Energy and Environmental Design) que outorga o Green Building Council e avalía o grao de compromiso co medio natural desde que se inicia a construción e o seu uso.