DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Mª Teresa Veiga estuda os termos cromáticos nos textos galegos

Na procura da cor que iluminou a escuridade da Idade Media

Esta análise axudaría a reconstruír un sistema de expresións da cor sen castelanismos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 28/07/2011

Escuridade, sombras e penumbra presiden a percepción que na actualidade temos da Idade Media, uns séculos nos que a cor apenas tiña un oco polo que coarse. Pero na lingua galega as cores si tiñan o seu oco, un oco reservado para cada variedade cromática cun termo que as definía, unha variedade hoxe en día perdida en boa medida pola interferencia de termos do castelán. Este é caso do negro, que na Idade Media dispoñía de dúas designacións: negro e preto. A primeira empregábase en textos literarios para expresar contidos simbólicos, mentres que "preto" se empregaba en textos notariais facendo referencia a obxectos da realidade cotiá. Parece, polo tanto, que "preto" constitúe un termo propio do galego que se perdeu pola coincidencia da forma alternativa co castelán.

A tese de doutoramento de Mª Teresa Veiga analiza precisamente a expresión da cor na documentación medieval en lingua galega, tanto en textos orixinais como en fontes traducidas e ten como finalidade contribuír ao coñecemento deste vocabulario e á reconstrución dun sistema de termos cromáticos sen castelanismos. O seu estudo conclúe que houbo unha moi temperá interferencia doutras linguas no sistema de termos cromáticos. “As interferencias do castelán no léxico cromático apareceron nunha fase moi temperá da lingua e introducíronse principalmente a través de textos traducidos” apunta a investigadora que engade que se podería traballar para revertir de algún xeito esta situación. Un exemplo da interferencia do castelán nas fontes traducidas é o emprego de calcos léxicos que desvían o significado transmitido ou a presenza de calcos morfolóxicos. “Como exemplo dos primeiros pode citarse o uso do adxectivo "rubios" empregado co significado do castelán (tonalidade dourada próxima ao amarelo) no canto do significado propio do galego (tonalidade dourada próxima ao vermello)”, explica a investigadora. Neste sentido avoga por unha reconstrución do sistema orixinal de termos de cor que “pode contribuír a promover a substitución de préstamos do español innecesarios polos correspondentes termos autóctonos”.

A análise revelou a existencia de características compartidas entre o galego e outras linguas romances na expresión da cor durante a Idade Media, como a existencia dun número reducido de termos para designar toda a gama de cores e tonalidades. Respecto da influenza da cultura na codificación lingüística da cor, os resultados indican que o intento de construír unha cultura europea común influíu nos patróns literarios e estéticos de todas as rexións implicadas nese proceso, de xeito que os patróns culturais creados en Francia foron exportados aos países veciños, influíndo así nos gustos e tendencias da época. Esa influencia obsérvase tamén na composición do sistema de termos cromáticos do galego medieval e faise especialmente patente nos textos traducidos, que introducen termos inexistentes no galego escrito, como gris ou brun.

Textos orixinais vs. textos traducidos

Unha das novidades que introduce o estudo de Mª Teresa Veiga é a análise diferenciada de textos redactados orixinalmente en galego e textos traducidos. "Considerando que os textos traducidos podían reflectir características particulares e servir de vía de introdución de préstamos léxicos no galego medieval, o corpus compilado dividiuse en dous sub-corpus segundo a clasificación dos textos en orixinais ou traducións". Tras almacenar todos os termos de cor cos seus contextos, determinouse o seu significado preciso co obxectivo de comprobar se a tradución afectaba á composición e estrutura do campo semántico da cor.

En comparación con outros métodos empregados anteriormente, o método desenvolvido na nosa tese aplica un concepto de cor máis amplo e identifica un maior número de paradigmas. Este método adáptase mellor ao estudo da expresión da cor na Idade Media, un momento en que o dualismo luz/escuridade, un dualismo que non se considera nas clasificacións tradicionais da cor, é de especial relevancia. Á vista dos resultados obtidos pódese afirmar que a análise do léxico cromático no contexto da cultura galega medieval contribúe á comprensión da sociedade e cultura medievais en Galicia.

Neste sentido, a análise diacrónica do léxico de cor do galego pode ser de utilidade para lingüistas, tradutores, planificadores e falantes, aínda que sería preciso realizar unha análise das seguintes etapas da lingua para obter o marco de acción completo.