DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O día 20 poderase votar como máximo un 60% de candidatos dun xénero

Na procura dunha maior paridade no Claustro

As votacións desenvolveranse entre as 10.00 e as 19.00 horas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 14/05/2010

A comunidade universitaria poderá contribuír cos seus votos o vindeiro día 20 de maio á conformación dun Claustro máis paritario. A decisión da Comisión Electoral de establecer, de acordo co previsto no artigo 6 dos Estatutos da Universidade de Vigo, un procedemento de voto que fixa un límite máximo de representantes do mesmo xénero que se poden votar, permitirá fomentar a paridade entre homes e mulleres no órgano de goberno da Universidade.
O artigo 6 dos Estatutos establece que a Universidade debe garantir a promoción da representación equilibrada nos diferentes órganos e niveis de toma de decisión dentro da institución académica. Un mandato que se suma á Ley para la Igualdad efectiva de mujeres y hombres, e que segundo explica María Montero, presidenta da Comisión Electoral “sentíamos que debiamos facer noso polo que se puxo en marcha un mecanismo que, cando menos, fomente que se dean as condicións para que existira o suficiente número de candidatos e candidatas que garanta despois unha paridade nos órganos de representación da Universidade”. Montero considera ademais que a institución académica debe ser pioneira “dando exemplo á sociedade de cal é o camiño, facendo nós ese primeiro esforzo de loitar pola promoción da paridade no distintos órganos”.

Procedemento de voto

O procedemento de voto establecido para a elección dos membros do Claustro fixa que do número de candidatos ou candidatas que como máximo se poderán votar, só un 60% poderá pertencer ao mesmo xénero. Para facilitar a emisión do voto, en cada papeleta haberá dúas columnas, unha cos candidatos e outra coas candidatas. Ademais figurará o número máximo de persoas ás que se poden votar (sumados homes e mulleres) e o número máximo de representantes dun mesmo xénero aos que se pode votar. En calquera caso o elector ou electora poderá votar un número inferior de candidatos ou candidatas, pero nunca un número superior dos indicados xa que o voto sería nulo.
“A medida”, sinala María Montero, “non desvirtúa o principio básico de representatividade xa que serán elixidos como membros do Claustro aquelas persoas, homes e mulleres, que obteñan maior número de votos, ata cubrir o número de representantes do sector e circunscrición correspondentes”. A presidenta da Comisión Electoral destaca que “agora se incorpora unha condición adicional que establece que do número que se pode votar se fixa un máximo sobre o mesmo xénero, en concreto un 60% que é o que se entende como paridade: que estean os dous xéneros representados polo menos cun 40%”, sinala María Montero.

Candidaturas ao Claustro máis paritarias

As 23.673 persoas que o vindeiro 20 de maio determinarán a composición do novo Claustro poderán elixir entre as diferentes candidaturas que concorren aos catro sectores que os representan: PDI-A (profesorado doutor con vinculación permanente), PDI-B (resto de persoal docente e investigador), C (estudantes) e D (persoal de administración e servizos). Nas candidaturas presentadas para a votación do xoves 20 de maio entre as 10.00 e as 19.00 horas, a presenza de mulleres incrementouse significativamente, agás no sector estudantes. Así no sector A pasouse dun 36% de candidatas hai catro anos a un 47% no 2010. No sector B a presenza de mulleres pasou do 31% do 2006 ao 45% do 2010. No caso do sector C, o correspondente ao alumnado, a participación feminina diminuíu pasando do 41% de hai catro anos ao 37% do 2010. O incremento máis significativo rexistrouse desta volta no sector D no que se pasou dun 27% de candidatas a un 45%.
Para María Montero, a lectura destes datos “é moi positiva, salvo no caso do estudantado, porque é moi importante que as condicións de saída sexan boas nun sistema que non garante, senón que unicamente promove”. Con este punto de partida a presidenta da Comisión Electoral confía que este resultado se reflicta na composición futura dos órganos de goberno.