DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A deseñadora independente María Almazán, nova convidada aos ‘Xoves de Moda’

Na procura dunha moda respectuosa co medio e co usuario

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 11/05/2012

A deseñadora independente María Almazán foi a convidada desta semana a unha nova sesión dos Xoves de Moda. Concienciada cos problemas sociais e medioambientais asociados á industria téxtil, compartiu co alumnado de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, o seu proxecto de moda alternativo ao sistema fast-fashion, cunha proposta lonxe do uso de produtos químicos, perigosos non só para o medio ambiente, senón tamén para a saúde. Ademais de traballar con tecidos ecolóxicos 100% naturais, participa e colabora activamente con asociacións comprometidas coa mellora das condicións laborais da industria da moda.

María Almazán explicou que antes de embarcarse neste proxecto, traballara para o departamento de compras e de control de produción dunha multinacional téxtil, visitando ás fábricas que a empresa tiña no continente asiático. Tras comprobar as condicións dos traballadores e o tipo de materias que se empregaban para a confección de roupa, como pesticidas ou tinguiduras, Almazán decidiu que “aquel mundo non era para ela”, polo que formulou unha saída alternativa a este modelo de negocio, apostando por unha forma de crear moda menos convencional, respectuosa co medio e cos axentes implicados, dende os produtores da materia prima ata os consumidores. Como sinalou a deseñadora galega, a pronto-moda, abandeirada polas grandes industrias téxtiles, esixe que a calidade das prendas sexa inferior “xa que debe romperse para mercar máis e aumentar o beneficio”, así que Almazán decidiu dar unha alternativa “ao mundo arrasador” no que se moven os grandes proxectos da moda establecendo toda unha cultura do slow-fashion dende Galicia.

Tecidos ecolóxicos

Defende o emprego de tecidos ecolóxicos, con criterios moi estritos sobre a normativa téxtil ecolóxica e de comercio xusto. Na súa tenda-taller, a deseñadora acostuma traballar con algodón e liño ecolóxico e, para os materias relacionados, como botóns ou cremalleiras, aposta pola reutilización.

Almazán tamén afondou na súa colaboración con Slow Fashion Spain, un proxecto que naceu co obxectivo de promover a produción téxtil responsable a través de cursos e conferencias, e coa Fundación Fabrics for Freedom, que actualmente dirixe, que defende que a sustentabilidade é o único camiño para o futuro.

Os Xoves de Moda volverán o próximo 24 de maio con María José Marín, premio emprendedora do ano 2011 por We are knitters, que compartirá a súa concepción de moda “faino ti mesmo” promovendo a venda de kits con todo o necesario (agullas, patrón e tecido) para confeccionar pezas "únicas" de lá 100% natural "cun toque artesanal e persoal”. Nesta nova edición, as xornadas buscan achegar experiencias empresariais que reinterpretan o valor do feito a man, da artesanía, dende unha óptica experimental e innovadora para que o público reflexiones sobre as tendencias emerxentes do panorama actual.