DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O deseñador Antonio Alvarado, primeiro convidado dos 'Xoves de Moda'

A procura de financiamento, clave para ‘subsistir’ no mundo da moda

Afondou na crise de deseño que provocan as grandes empresas do téxtil como Inditex

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 17/03/2011

O éxito ou o fracaso dunha carreira profesional no deseño de moda depende dos apoios económicos que avalen ao creador. Esta visión pecuniaria e realista dun mundo aparentemente máis preocupado pola creatividade que polo financiamento foi, a que achegou o deseñador de prestixio internacional, Antonio Alvarado, con máis de 30 anos de experiencia, ao alumnado de Esdemga na inauguración dos Xoves de Moda. Presentado pola directora da escola, Lola Dopico, quixo deixar claro a necesidade “de que desde xa, hai que buscar subvencións públicas ou privadas que permitan levar adiante a confección”.

Para Alvarado, as novas xeracións deben estar preparadas para “loitar duro” no momento profesional que lles toca vivir. “Teñen que ser xente moi forte tanto por dentro como por fóra”, aclarou, e “con economías familiares importantes” se queren comezar a unha determinada escala. Agora ben, se non se dispón dese aval aconsellou á nova canteira de Esdemga que “ao mesmo tempo que se está estudando deben buscar xa os camiños que permitan financiar o proxecto”, engadiu. E sempre comezar “pasiño a pasiño” e esquecerse de pasarelas e desfiles nacionais “pois non están servindo para nada, redúcense a unha simple festa de exhibicións”, subliñou. Se non se consegue este “amparo económico”, moitos daqueles profesionais que desexaban fundar unha marca con deseños propios “teranse que conformar con traballar no anonimato para empresas do sector téxtil”.

Deseñadores vs grandes cadeas empresarias

O deseñador defendeu na súa visita a Pontevedra que unha das causas da crise do sector da moda en España é o éxito das grandes cadeas de produción téxtil como Inditex, “que como negocio é fabuloso, pero a nós fainos moito mal”. A pesar do seu lado positivo, pois democratiza a moda, a súa proliferación está rematando “co sentimento de creación e deseño”. “Inditex é como Ikea en mobiliario, pero a diferenza é que cada moble está creado por un deseñador e asinado por el”, exemplificou. Isto desencadea en que o mercado da moda se abasteza de “propostas pouco innovadoras, coa mira soamente posta no que se vende”, destacou.

Un profesional de gran percorrido

Antonio Alvarado, profesional moi dedicado ao deseño para espectáculos e cine, comentou que recentemente acabara de traballar co director Carlos Saura no vestiario para Flamenco Hoy, exhibida en Nova York, sendo a primeira vez “que deseñara algo de flamenco, facendo unha fusión do clásico engadindo historias da alta costura”. Confesou que o mundo do cine supón vivir nunha tensión constante, pois toca lidiar entre "as restricións do produtor e as demandas do director". “Na película Las Edades de Lulú, na que me ocupei do vestiario global, rematei no hospital cunha úlcera aberta por manter a miña idea de purismo dos tecidos”, comentou.

Desmitificou un pouco a profesión de modisto, aclarando que non se considera un artista porque “eles crean cando teñen esa inspiración e nós non temos esa posibilidade, temos que facer un número de prendas cunha data concreta de presentación, senón esquécense de ti”. Definiuse como “un obreiro da moda, que non trata de impor pero si de expor aquilo que a xente lle pode emocionar”, que vive nunha engrenaxe na que hai que crear aquilo que se demanda e “onde soamente che deixan propor un pouquiño”, concluíu Alvarado.

A próxima cita cos Xoves de Moda queda programada para o vindeiro 24 de marzo cos profesionais Natalia Pérez e Jorge Bolado, ex-alumnos da Facultade de Belas Artes que compoñen a marca American Pérez, “un proxecto que está dando uns pasos moi sólidos no territorio do deseño máis contemporáneo da moda”, en palabras de Lola Dopico.