DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Á procura de materiais alternativos para os efectos especiais en cinema e televisión

No obradoiro impartido por Ricardo Spencer na Facultade de CC Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
E.L. Castro DUVI 19/11/2009

Como simular feridas, cicatrices, deformacións corporais, explosións, accidentes, disparos ou unha treboada para unha produción audiovisual son algúns dos trucos que está aprendendo o alumnado do obradoiro de Introducción aos efectos especiais para cinema e televisión. A maleta coa que Ricardo Spencer, o docente que imparte o curso, acode a clase é unha caixa de sorpresas. Dela saen todo tipo de materiais, algúns profesionais no sector da produción cinematográfica e televisiva e outros algo máis alternativos. O importante é fomentar a imaxinación e diversificar recursos, por iso,como apunta Spencer, “ intentan buscar alternativas baratas que mesmo se poden atopar nun todo a cen".
Cera, xeso, colorante, pintura, acuarela, maquillaxe... Entre os materiais profesionais hai un produto estrela que espertou a curiosidade dos asistentes ao obradoiro: o colodio. Trátase, segundo explica o profesor, “dunha resina que se usa principalmente para marcar cicatrices e deformacións no rostro”. Aplícase coa forma que se lle queira dar á marca e axiña comeza a notarse o efecto. “O colodio contén un éter que seca en poucos segundos, polo que vai tensando a pel deixando marcas hiperrealistas”, precisa Spencer, ao tempo que convence a un alumno para probar a maxia deste produto.
E cales son eses trucos máis caseiros que se poden descubrir neste curso? O profesor cita varios: empregar mel diluída con auga e colorante para acadar a textura do sangue, simular o efecto dun ácido con quitaesmalte porque é capar de perforar o poliestireno, facer vómito con sopa de chícharos e iogur con flocos de millo ou simular fume co fumegador que se usa en apicultura.

Introdución rápida aos grandes grupos de efectos especiais

O obxectivo deste taller é introducir ao alumnado na produción dos catro grandes grupos de efectos especiais: físicos (maquetas, pirotecnia, armas, atmosféricos...), de maquillaxe (feridas, fabricación de criaturas, partes do corpo...), mecánicos (usados para dar movemento a bonecos ou decorados) e dixitais. Estes últimos só os están tratando a través do visionado de exemplos, pero non realizarán exercicios prácticos “porque requiren unha dedicación e o manexo duns recursos tecnolóxicos que non teñen cabida na duración deste curso”, sinala o profesor.
Ricardo Spencer apoia todos os contidos teóricos desenvolvidos ao longo do taller na proxección de secuencias de diferentes filmes. Por iso este ano trouxo a clase escenas de La cosa, El hombre lobo americano en Londres, Star Trek, Piratas del Caribe ou King Kong, entre outras películas. Como traballo final do obradoiro os asistentes terán que gravar a súa propia secuencia para ver como se reflicten na imaxe todos eses trucos aprendidos durante o curso.

Continuidade no obradoiro de Efectos especiais para maquillaxe e modelado

No obradoiro de Introdución aos Efectos especiais para cine e televisión están matriculadas once persoas, na súa maioría procedentes de Comunicación Audiovisual, Publicidade, Belas Artes e Educación Infantil. Este obradoiro remata a semana próxima, o xoves 26 de novembro, pero terá continuidade no taller de Efectos especiais de maquillaxe, modelado e moldes, que comeza ao día seguinte e que ten como obxectivo amosar as técnicas do modelado, a pintura e o deseño conceptual. Algúns deses once alumnos e alumnas ampliarán a súa experiencia neste ámbito, pois están xa matriculados nesta segunda actividade.
Ricardo Spencer, que será tamén o docente deste segundo taller, é licenciado en Periodismo e traballa como profesor na Escola de Imaxe e Son de Vigo. Ademais realizou estudos de produción televisiva e cinematográfica na Universidade Católica de Recife e na Fundación Guararapes. Confesa que comezou a interesarse polos efectos especiais despois de facer o servizo militar e un FP2 de técnico de laboratorio, “ao entrar en contacto con explosivos e produtos químicos”. Ten traballado como técnico de efectos especiais en logametraxes como Los lunes al sol, Finisterre, Blanca Madison, De bares, A Mariñeira, Os mortos van á presa ou O club da calceta; en series de televisión como Mareas Vivas, Rías Baixas ou Libro de Familia; ou en producións teatrais do Centro Dramático Galego e da compañía Teatro Arte Livre de Vigo.