DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O coro do campus busca novos integrantes

Na procura de novas voces para seguir crecendo

A formación está aberta á participación tanto da comunidade universitaria como de persoas alleas a e

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 17/01/2018

Tras meses de ensaios, o coro do campus de Pontevedra ofrecía o pasado 21 de decembro, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, o seu primeiro concerto en solitario, un recital tralo que esta formación vén de retomar os seus ensaios, aos que busca sumar novas voces, tanto dos integrantes da comunidade universitaria como de persoas alleas a esta. Segundo explica o seu director, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Marco Lucato, “as persoas interesadas, que non teñen porque ter coñecementos musicais, simplemente teñen que acudir para inscribirse a un dos ensaios” que cada luns e xoves se desenvolven, en horario de 17.00 a 19.00 horas, na aula de música desta facultade.

“Cada curso perdemos sempre algúns alumnos que rematan os seus estudos e entran outros novos”, sinala este profesor de pedagoxía musical dunha formación nacida hai catro anos e que reúne tanto a alumnado e persoal da Universidade como a persoas alleas á institución académica. Un total de 18 voces integran no presente curso unha formación coral que busca agora novos integrantes, “sobre todo voces masculinas, que temos moi poucas”, para seguir crecendo e preparando novo repertorio, coa mente posta xa na organización dun novo concerto a finais de curso. Foi precisamente en abril de 2017 cando a formación, nunha actuación conxunta co coro do IES A Xunqueira I, ofrecía a súa primeira actuación fóra dos actos académicos, como graduacións, nos que leva participando desde a súa constitución.

“A experiencia está a ser positiva, pero vaise moi lentamente”, recoñece Lucato dunha formación que cada curso se renova coa incorporación de novos estudantes, pero que mantén tamén a algúns integrantes desde os seus comezos. “Na xente que xa leva cantando dous ou tres anos, nótase unha progresión, aprende máis rapidamente, afina mellor...”, recoñece o director dun coro co que busca traballar “pezas que sexan rechamantes, non soamente clásicas”, senón que permitan abordar diferentes épocas e estilos. De feito, Lucato traballa desde hai un tempo cun grupo de integrantes do coro o Bohemian Rapsody de Queen, “unha peza moi bonita, pero que melodicamente non é fácil por eses cromatismos que ten, que son moi interesantes para educar o oído”, canción que, recoñece, “aínda que é un pouco longa, encantaríanos poder presentala nunha graduación”.

Unha actividade de aprendizaxe

“A xente ve o coro sempre como unha actividade lúdica, non como unha actividade de aprendizaxe”, recoñece Lucato dunha iniciativa da que, nese senso, salienta a súa capacidade para a voz e o sentido do ritmo dos e as participantes, así como aprender a respirar ou ampliar coñecementos sobre música. “Para min é moi interesante participar desta actividade, porque me axuda a afondar na música e saber cantar enriba dun escenario”, sinala nese senso Mercedes Pardavila, que desde hai tres anos forma parte desta agrupación. “Xa levaba un tempo buscando un coro, pero non quería o clásico, desexaba entrar nun onde se fixesen unhas propostas diferentes e este grupo cumpría as miñas expectativas”, salienta dunha experiencia da que destaca o traballo coa voz, a respiración ou o solfexo, “e todo isto compartíndoo con outras voces, o que nos leva ao obxectivo final de producir un canto con voces empastadas”.

“A proposta pareceume interesante, son unha grande afeccionada á música e gozar dela formando parte dun grupo soaba xenial”, engade nesa mesma liña María Miranda Noya, estudante do grao en Educación Primaria que hai un ano entraba a formar parte desta agrupación da que tamén destaca a posibilidade de coñecer a outros e outras afeccionados á música e de formar parte dun “grupo moi diverso en canto á idade” no que, engade, “aprendemos uns dos outros constantemente”. Mais, ao mesmo tempo, Noya tamén fai fincapé na utilidade desta actividade para o seu futuro como mestra, xa que “a técnica vogal pode axudarnos moito á hora de coidar a nosa voz e iso é moi importante nunha profesión na que debemos pasar o día falando”, ao tempo que incide en como as actuacións contribúen á vez “a superar o medo escénico e a timidez”.