DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Diez Ferrer traballa xunto co alumnado para atopar fósiles vexetais nas escavacións de Teruel e Burg

Na procura de prantas con máis de 100 millóns de anos

Os achados do profesor do Dpto. de Xeociencias Mariñas e Ordenación Territorial, en congresos intern

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Sara Alcázar DUVI 12/07/2010
“Ata agora parecía que os dinosauros vagaban por paisaxes inhóspitas e desérticas e nós estamos poñendo marco a ese contexto, reconstruíndo a súa contorna mediante o estudo e comprensión dos medios sedimentolóxicos, a bioestatigrafía e a datación relativa dos afloramentos”. Así define o seu traballo o profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio e integrante do grupo de investigación Xm-3, José Bienvenido Diez Ferrer, engadindo que se trata dun campo multidisciplinar “que comprende dende a parte estratigráfica e xeolóxica ata a biolóxica e paleontolóxica”. A pesar de ser un traballo duro, “posto que cavamos unha semana e traballamos un ano” explica Diez, a Paleobotánica tamén é gratificante, permitindo dar a coñecer achados que contribúen a reconstruír o pasado. O caso máis recente é o da Ploufolia cerciforme, unha pranta da familia dos nenúfares con máis de 100 millóns de anos descuberta xunto con científicos das universidades de Zaragoza, Barcelona e Lyon no xacemento das concas mineiras de Teruel.

Transmitirlle aos seus alumnos a paixón por obter máis información sobre a contorna vexetal dos dinosauros é un dos obxectivos perseguidos por Diez, que salienta a importancia que ten para o alumnado acudir ás escavacións “posto que é un xeito máis intuitivo de aprender pudendo aplicar o que estudan en clase, o que contribúe a mellorar a fixación dos conceptos, e tamén é un xeito de xerar vocación”. Por este motivo, o profesor visitou recentemente as escavacións ubicadas en Teruel xunto con seis estudantes da ETS de Enxeñeiros de Minas co obxectivo de completar a súa formación xeolóxica “dende un enfoque sedimentolóxico” e a finais de xullo trasladarase xunto con cinco alumnos da Facultade de Bioloxía a Salas de los Infantes, en Burgos, “un xacemento moi importante de dinosauros en España, onde poderemos levar a cabo a reconstrución dos medios ecolóxicos do pasado” apunta.

Presentación dos achados en Hungría e España

As máis de 3000 pezas que se obteñen ao ano nas escavacións de Teruel amosan a riqueza de fósiles que posúen estes xacementos e que dan lugar a múltiples achados e investigacións que o profesor Diez exporá na Conferencia Internacional de Paleobotánica de Budapest, que se desenvolve dende o 5 ao 11 de xullo. Neste congreso, o paleobotánico participa en varias comunicacións sobre flora e microflora cretácica e sobre flora triásica e pérmica. Ademais, Diez aproveitará a ocasión para establecer contactos con especialistas doutros países para estudar diferentes aspectos dos xacementos de Teruel, “posto que aínda temos que definir novas especies de anxioespermas, estudar a interacción cos insectos e traballar con restos de paleoincendios” comenta.

Tras a súa participación no encontro de Hungría, Diez desprazarase dende o 17 ao 23 de xullo a Salas de los Infantes en Burgos para traballar no xacemento da zona xunto cos alumnos de Bioloxía e en colaboración co Museo dos Dinosauros. Os datos e resultados obtidos durante esta visita exporanse nas V Xornadas Internacionais sobre Paleontoloxía de Dinosauros e a súa Contorna, que terán lugar en Salas de los Infantes entre o 16 e o 18 de setembro, “onde amosaremos as plantas e a paisaxe vexetal que rodeaba aos dinosauros” indica o profesor.

Na procura de novos fósiles vexetais de Galicia a Laos

Tras anos de intenso traballo nas escavacións de Teruel, Diez contempla a posibilidade de estudar nos vindeiros anos os xacementos paleontolóxicos do cámbrico que se atopan na área de Galicia, concretamente, na zona entre Lugo e Asturias. “Tras a visita do profesor Rodolfo Gozalo, que veu impartir a conferencia Explosión da vida no cámbrico, falamos da posibilidade de visitar estes xacementos” explica o profesor. Ademais, segundo indica Diez, estanse a realizar outras investigacións de este tipo no territorio galego, como a dedicada ao estudo da preservación de palinofacies en medios sedimentarios costeiros, realizada na Facultade de Ciencias do Mar pola doctoranda do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, Raquel Sánchez Pellicer. “Con este estudo, codirixido pola profesora Marta pérez Arlucea, atopamos grans de pole e esporas nos medios sedimentolóxicos de transición na costa que nos permiten reconstruír os medios sedimentarios que os produciron e datar as rocas en función do seu contido” asegura o profesor. Por outra banda, pero aínda sen confirmar, “hai sospeitas de que a provincia de Ourense podería albergar un xacemento con fentos do carbonífero superior” indica o profesor. “Non é nada seguro, xa que eu non os vin, pero de existir serían fósiles cunha idade similar ao xacemento do paleobosque carbonífero de Verdeña, en Palencia” engade.

Pero a procura de novos fósiles vexetais de Diez non só se limita a zonas de Galicia e España. O seguinte paso do profesor será participar nunha expedición con destino a Laos organizada no mes de decembro pola Universidad de Rennes 1 en colaboración co Museo de Historia Natural de París. “O obxectivo é estudar o límite pérmicotriásico nos xacementos situados preto do río Mekong, en Luang Prabang” comenta Diez. A visita do profesor ao país do sudeste asiático ten a súa raíz no traballo conxunto coa profesora da Universidade de Rennes 1, Sylvie Bourquin, no proxecto Eclipse, “centrado nos depósitos permicotriásicos en relación co rexistro sedimentolóxico da maior crise biolóxica da historia do planeta” explica Diez. A expedición a Laos, que terá unha duración de dúas semanas, contará coa colaboración dun grupo multidisciplinar de especialistas internacionais entre os que se atopa o profesor Diez, que será o único español que participa en calidade de bioestratigrafo e paleobotánico.