DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reunión da vicerreitora do campus, Antonia Blanco, con representantes de grupos de investigación

Na procura de sinerxías que favorezan a transferencia

A Universidade intermediará con empresas e institucións para facilitar o traballo dos grupos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 01/12/2010

A transferencia de coñecemento é un dos activos máis importantes da Universidade. Pero antes de compartir, hai que coñecer con quen se pode compartir. Baixo esta premisa formulou a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, o primeiro encontro cos investigadores principais dos grupos que desenvolven a súa actividade en Pontevedra. Arredor de vinte investigadores participaron no encontro celebrado hoxe na Casa das Campás e do que afirmaron saír “moi satisfeitos”, xa que tanto a Vicerreitoría como a Universidade en xeral asumirán un papel de intermediador coas empresas e institucións, facilitando o traballo dos grupos de investigación. Un labor de intermediación que segundo explicou Antonia Blanco realizará a Vicerreitoría entre os grupos de investigación e a Universidade, en concreto coas Vicerreitorías de Investigación, Transferencia e Internacionalización para “servir de enlace e coordinación con Vigo”.

Sen embargo este traballo non só se desenvolverá internamente, senón tamén a modo de nexo de unión cos axentes externos, dispondo dunha “Universidade que exercerá de interlocutora directa con institucións e empresas que dará información de nós e que ao mesmo tempo nos informe a nós”, como apuntou Xulio Pardellas, investigador principal do grupo Turismo e desenvolvemento local.

Actualización de grupos e demandas

Pór aos grupos de investigación en contacto para conseguir a creación de sinerxías entre eles que lles permitan concorrer xuntos a futuros proxectos foi un dos obxectivos da reunión celebrada este mércores. Unha cuestión sobre a que incidiu a investigadora e docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Montse Vázquez, que recalcou a necesidade “de saber onde estamos e que se está facendo para empezar a contactar cos que máis coincidamos”.

A actualización e a unificación dos grupos de investigación por ámbitos e perfís, tanto no campus como a nivel xeral, para dispor dunha base de datos completa que axilice os contactos internos e externos, foi outra das cuestións que centrou a reunión. Para o profesor do Departamento de Pintura, Ánxel Huete, trátase “dunha ferramenta imprescindible para iniciar contactos e para que haxa constancia na Reitoría de todos nós”. Deste xeito poderanse presentar en Pontevedra accións de investigación cun coñecemento exhaustivo dos grupos de investigación do campus.

Na reunión os representantes dos grupos trasladaron á vicerreitora as súas principais demandas ente as que destacan a necesidade de espazos físicos para traballar, impulsar os contratos con empresas e institucións, así como a necesidade de reforzar a presenza do campus tanto a nivel nacional como internacional.