DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na derradeira sesión do ciclo de conferencias ‘De promesa a realidade. A comunicación made in Galici

As produtoras publicitarias galegas saen do anonimato

Alumnos dos últimos cursos de Comunicación Audiovisual aproveitaron para entregar os seus CV

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 02/05/2011

Aínda que traballan para o sector publicitario, a súa principal carencia como empresa radica nos labores de relación co mundo exterior “e cos seus semellantes”. Esta situación foi a que desencadeou a organización da xornada As produtoras publicitarias no contexto galego, un punto de encontro entre produtoras, realizadores e alumnado do mundo publicitario e audiovisual, “no que se poidan coñecer e presentar o seu traballo”, comenta Chechu Pérez, un dos profesores impulsores da iniciativa. Trátase dunha xuntanza inédita porque nunca en Galicia se reuniran formalmente todas as produtoras publicitarias da comunidade, amosando conxuntamente o que son quen de facer”.

Para o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, este tipo de encontros entre profesionais son moi necesarios, "porque o sector da publicidade en Galicia é algo opaco e fáltalle madurar; así ocorre que traballadores dun mundo tan concentrado non se coñecen entre si”. E, no caso das produtoras publicitarias, a situación é aínda máis “escura”, xa que “a pesar de que son profesionais cun traballo bo, semella que ninguén achega luz sobre o que realmente son e sobre o que fan”. De aí que tamén estiveran convidados ao evento as mesmas axencias de publicidade, “as que contratan os seus servizos, para que coñezan o mercado e que alternativas teñen á hora de externalizar servizos de produción”.

Un panorama “estraño”

Durante a xornada, que pon o broche final ao ciclo de conferencias De promesa a realidade. A comunicación made in Galicia, definiron como “estraño” o panorama da produción publicitaria audiovisual, tanto polo reducido número de empresas como pola súa dimensión, “habendo maior número de realizadores a título particular que de empresas". Esta falta de grandes negocios débese, en parte, á proliferación das novas tecnoloxías, “que rachan os custes de produción e permiten crear unha campaña audiovisual viral por dous duros”.

Organizáronse dúas mesas de exposicións, por unha banda as “propias” produtoras con representantes de Congo producciones, Duplo Studio, Ficción Producciones, Lúa Films, Mondotropo e Verve Audiovisual e, por outra banda, os realizadores Alfonso Parra, Curru Garabal, GF Studio, Imagen y Comunicaciones de Pontevedra, Producciones Mutantes e Xácome Alcántara. Todos amosaron os seus traballos e propostas creativas, “proxectos que están na primeira división da produción publicitaria”, engadiu Pérez.

Momento de entregar o currículo

As xornadas tampouco descoidaron os intereses do seu alumnado, pois incluíron un ágape final “que serviu de escusa para que os presentes intercambiasen impresións, realizasen contactos e, sobre todo, que se xerasen oportunidades laborais, ben para os nosos alumnos e alumna, ben para as produtoras”, puntualizou Chechu Pérez.

Así estudantes do último curso de Comunicación Audiovisual aproveitaron a ocasión para facer entrega dos seus currículos vitae “en busca dunha oportunidade, xa que dentro de pouco xa non teremos o amparo da nosa facultade”, comentaron os futuros titulados. Para estudantes de segundo de Grao en Publicidade e Relacións Públicas a xornada supuxo máis un xeito de entrar en contacto coa realidade laboral do sector, “do que se está facendo e das novas tendencias , resultando máis enriquecedor coñecelo de primeira man”, engadiu Jacobo Casal.