DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade dá a benvida ao seu novo alumnado

De profesión, estudantes de Historia

Responsables de diferentes servizos do campus presentan aos universitarios a súa oferta

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 28/09/2011
Interese por coñecer o pasado, a xeografía e as manifestacións artísticas e con comprensión e apertura de miras ante a diversidade. Estas son as premisas que a Facultade de Historia lle pide aos seus novos alumnos, que este mércores foron recibidos polo seu equipo decanal e responsables de diferentes servizos do campus. Aos que agora comezan a súa andaina académica, o centro deulles a benvida á súa “nova profesión, ser estudantes de Historia”, desexándolles unha proveitosa experiencia académica e persoal.

Os novos estudantes, xunto a alumnos doutros cursos do centro, foron recibidos por Milagros Cavada, decana da Facultade de Historia; Elena Pinar de Uña, vicedecana, e Yolanda Barriocanal, secretaria da facultade. Elas foron as encargadas de, ademais de dar esta benvida oficial aos novos membros do campus, presentarlles as instalacións nas que desenvolverán a súa vida académica, os estudos que se imparten no centro e diferentes aspectos dos seus estudos.

“Esperamos e desexamos que saibades cumprir con esta misión que tedes agora, que é ser estudantes. Pensade que a vida de estudante é a mellor vida que podedes ter, aproveitádea para formarvos e gozar”, aconselloulles a decana. Un desexo compartido por Elena Pinar, que lle pediu aos novos alumnos que coas súas achegas contribúan a que o centro mellore cada día máis, e por Yolanda Barriocanal, que destacou a importancia de estudos coma Historia para desenvolver o espírito crítico na sociedade fronte a actual “mercantilización da universidade”.

Oferta académica e complementaria

A Facultade de Historia ofrece este curso académico o Grao en Xeografía e Historia, a Licenciatura en Historia desde o segundo curso e o posgrao en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais. Nesta oferta, as responsables do centro quixeron destacar especialmente a calidade docente da facultade, pola formación do profesorado e pola posibilidade que teñen de impartir unha ensinanza máis personalizada e en grupos de traballo pequenos polas cifras de matriculación. “Temos un programa ambicioso, somos poucos pero arriscados e vamos sempre alén dos medios cos que contamos grazas ao esforzo do profesorado”, salientou Milagros Cavada.

Ademais das intervencións de benvida do equipo decanal, os estudantes de Historia puideron coñecer da man de responsables de diferentes servizos do campus as posibilidades que brindan aos estudantes o Servizo de Deportes, Biblioteca, Gabinete Psicopedagóxico, Actividades Culturais e outros departamentos. Poñendo como exemplo a súa propia experiencia no programa Ponte en forma do Servizo de Deportes, Milagros Cavada animou aos asistentes a sacar todo o proveito aos recursos e oferta complementaria que oferta o campus de Ourense.